Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Que é Puntogal?

No marco da actual sociedade da información o que non está en internet non existe. A comunidade galega no mundo, con máis de 4 millóns de persoas, a nosa lingua e a nosa cultura precisan dunha marca propia coa que identificar todos os contidos que xeramos na rede e, así, facernos máis visibles dentro deste espazo de comunicación global.

O .gal é o dominio que debe correspondernos como comunidade con fortes vencellos lingüísticos, culturais, históricos, sociais... unha especie de sufixo co que identificar en internet as páxinas escritas en galego e que, tendo en conta a nosa dispersión no mundo, non se circunscriba a un ámbito territorial concreto. A proposta, tecnicamente viable e económica, social, lingüística e culturalmente rendible, encádrase nos dominios de primeiro nivel esponsorizados. É a que defende Asociación PuntoGal co apoio das entidades que a integran e de todas aquelas persoas e organizacións que seguen sumándose día a día no apoio a esta iniciativa.

En todo caso, a proposta do .gal non invalida a dun dominio xeográfico de dúas letras (.gz, por exemplo). Para optar a estes dominios é preciso ser un Estado recoñecido polas Nacións Unidas ou algunha das súas axencias, aínda que tamén é aplicable a Estados que formen parte da Corte Penal Internacional ou a través da inclusión na lista ISO 3166, caso de Xibraltar, por exemplo.

A creación do .cat en 2005, primeiro e único dominio de tipo cultural recoñecido pola ICANN en todo o mundo, abriu unha porta para as aspiracións do .gal, así como para outras iniciativas semellantes (.eus, .cym, .bzh...). Tres anos despois de que a Fundació puntCAT, entidade sen ánimo de lucro que administra o .cat, xestionase os primeiros dominios, hoxe son xa máis de 36.000 os rexistrados.

Pero para conseguir o .cat foi fundamental a suma de todas as vontades da sociedade civil e empresarial, así como das autoridades catalás. Asociacións culturais, fundacións, empresas, entidades deportivas e persoas a nivel individual sumáronse cunha única voz a un proxecto avalado sen fisuras polas institucións. Agora tócanos facer o mesmo.

Aberta a porta coa concesión do .cat, os galegos e galegas tamén temos dereito a esixir o .gal e, con el, circular por internet coa nosa propia matrícula, indicándolle ao mundo enteiro quen somos.
O .gal é o dominio que debe correspondernos como comunidade con fortes vencellos lingüísticos, culturais, históricos, sociais...
Imprimir Enviar páxina

© Asociación Puntogal