Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Galicia no mundo

Mapa dos centros galegos no mundo Fonte: La Voz de Galicia

A emigración galega

Entre 1836 e 1980 máis de 2 millóns e medio de galegos marcharon de Galicia na procura de traballo. O destino preferente destes emigrantes foi América, especialmente países como Cuba, Venezuela e sobre todo Uruguai, país no que a día de hoxe residen máis de 30.000 galegos, e Arxentina, república tamén coñecida como "a quinta provincia galega" pola notable presenza de galegos nese país.

Moitos destes emigrantes marcharon tamén cara outros lugares de Europa, principalmente a Francia, Alemaña e Suíza, chegando a formar importantes colonias de galegos.

Na actualidade, máis de un millón e medio de galegos e descendentes de galegos residen fóra de Galicia, en máis de 50 países dos cinco continentes. Sen esquecer as súas raíces e movidos moitas veces pola morriña, estes emigrados organizáronse en asociacións e centros galegos co obxectivo de promover e fomentar a lingua e a cultura de Galicia alén das súas fronteiras.

Moitos destes centros galegos, ademais de manter vivo o patrimonio cultural galego, son verdadeiras institucións dentro das sociedades de acollida, como é o caso dos centros de Bos Aires, Barcelona, A Habana ou Montevideo. Este último, fundado en 1879, é o centro galego máis antigo do mundo, declarado "Patrimonio Arquitectónico de la Nación" polo Ministerio de Educación e Cultura de Urugai no ano 2004.

A Asociación PuntoGal, coa creación do dominio .gal, pretende facilitar a comunicación entre os máis de 4 millóns de galegos espallados polo mundo. O novo dominio será ademais unha excelente oportunidade para manter e potenciar o patrimonio cultural galego no exterior e unha ferramenta idónea para impulsar as relacións económicas entre as empresas galegas e empresas de orixe galega afincadas noutros países.

A comunidade emigrante galega, consciente da importancia de obter un dominio cultural e lingüístico propio en Internet para acadar maior visibilidade e presenza no mundo, apoia os obxectivos da Asociación PuntoGal coa adhesión á iniciativa a prol do dominio de máis de 20 centros galegos.

Centros galegos adheridos á iniciativa da Asociación PuntoGal:

  • Asociación Fillos de Galicia
  • Centro Galego de Castelló 'O Aturuxo'
  • Centro Galego de Xubilados e Pensionados da República Arxentina
  • Patronato da Cultura Galega (Uruguai)
  • Centro Gallego de S.M. Cultural y Deportivo de Comodoro Rivadavia (Arxentina)
  • Peña de Galicia en California
  • Casa de Galicia en Guipúzcoa
  • Centro Gallego de Mar del Plata (Arxentina)
  • Centro Galicia de Buenos Aires
  • A Nosa Galiza de Xenebra (Suíza)
  • Centro Galego de Bruxelas
  • Centro Galego de Zug "A Nosa Terra" (Suíza)
  • Federación de Sociedades Galegas na Suíza
  • Xuventude de Galicia - Centro Galego de Lisboa
  • Fundación Xeito Novo de Cultura Galega (Bos Aires)
  • Centro Gallego de Álava (Vitoria-Gasteiz)
  • Centro Arzuano Mellidense (Bos Aires)
  • Centro Alma Gallega de Montevideo
  • Agrupación de Hijos de Galicia de Sestao
  • A Nosa Casa de Galicia (París)
  • "Os Galaicos" Federación francesa de gaiteiros e de culturas galegas e celtíberas
  • Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro
  • Agrupación Cultural Galega "Saudade" (Barcelona)
Imprimir Enviar páxina

© Asociación Puntogal