Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Os dominios

Un dominio é o nome que identifica un sitio web. Cada dominio é único dentro de internet. O dominio www.puntogal.org corresponde a esta páxina que estas visitando, e só a esta. Un só servidor web pode servir moitas páxinas de múltiples dominios, pero un dominio só pode apuntar a un servidor.

Os dominios compóñense normalmente de tres partes: as tres www, o nome da organización (puntogal) e o tipo de organización (org). Internet baséase en enderezos IP (internet protocol), e non en nomes de dominio, cada servidor web require dun servidor de nomes de dominio (DNS) para traducir os nomes dos enderezos a enderezos IP.

Ao existir infinidade de ordenadores conectados á rede, resultaba imprescindible un sistema que permitise recoñecer e individualizar cada máquina que estivese en conexión. Para poder transmitir a información dun ordenador a outro era necesario que existise un enderezo único para transferir os datos. Nun principio fíxose con números directamente. Máis adiante, para facilitar a navegación e a memoria, apareceron os nomes de dominio.

A normativa de asignación dos dominios de primeiro nivel establécese a través dun organismo internacional, a Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN).

Existen dous tipos de dominios de primeiro nivel: xenéricos e código de país. Os dominios xenéricos foron creados para o uso público da rede e os de código de país para ser usados en cada un deles de maneira individual. Os xenéricos corresponden ó tipo .com, .org, .net, .info .gov, .mil ou .int. Os dominios de código de país son, por exemplo, .uk, .de, .pt ou .fr.

Dominos como .com, .net, .org, .biz, .name, .museum, .aereo ou .info están dispoñibles para persoas físicas e para empresas de todo o mundo.

Son, digamos, os dominios básicos da rede. Poden rexistrarse (ou mercarse) a través de empresas acreditadas. Para evitar problemas, é aconsellable consultar antes de adquirir ningún deles as listaxes acreditadas por InterNIC, do Departamento de Comercio dos Estados Unidos, ou a propia ICANN.

Os dominios .edu, .gov e .mil están reservados para institucións norteamericas e o .int é para organizacións establecidas por tratados internacionais entre gobernos.

Os dominios de código de país non corresponden necesariamente con estados independentes ou recoñecidos pola ONU, senón que son aqueles que están inscritos na lista ISO3166. Son empregados maioritariamente para empresas ou persoas que desexan establecerse en internet ou protexer a súa marca ou identidade comercial nese territorio.

Así como os anteriores eran orixinariamente de tres letras (algúns dos novos ten algunha máis), os dominios xeográficos identifícanse sempre por dúas letras (.uk é para United Kingdom, Reino Unido, por exemplo). Existen aproximadamente 230.

No caso do Estado Español, o sufixo que lle corresponde é o .es. A súa asignación efectúase a través da entidade pública Red.es. Anteriormente, denominábase Red Técnica Española de Televisión. O organismo rexistrador español está adscrito ó Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información.

Para o caso galego, o dominio xeográfico quedaría hoxe restrinxido á combinación .gz. O .ga está reservado para as páxinas de Gabón e o .gl para as de Groenlandia. Esta opción, sendo posible, conta sen embargo con problemas de regulamento non resoltos a día de hoxe. A opción máis factible refírese a dos dominios de tres letras esponsorizados. Refírense a grupos de usuarios da rede con estreitos vencellos que os permiten definirse como comunidade. É o caso do .cat para a comunidade lingüística e cultural catalana. A Asociación PuntoGal promove a creación do dominio .gal para a comunidade lingüística e cultural galega.
PuntoGal promove a creación do dominio .gal para a comunidade lingüística e cultural galega
Imprimir Enviar páxina

© Asociación Puntogal