Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

ICANN

A ICANN é unha organización sen ánimo de lucro que opera a nivel internacional. É a responsable de asignar espazo de enderezos numéricos de protocolo de internet (IP), identificadores de protocolo e das funcións de xestión e administración do sistema de nomes de dominio de primeiro nivel xenéricos (gTLD) e de códigos de países (ccTLD), así como da administración do sistema de servidores raíz. Estes servidores estaban antes baixo o auspicio da Intenet Assigned Numbers A (Authority (IANA) e outras entidades baixo contrato do Goberno dos Estados Unidos.

A ICANN, polo tanto, é o organismo ao que é necesario convencer de que Galicia é unha comunidade con suficientes vencellos culturais e lingüísticos como para optar a un dominio esponsorizado.

Esta entidade, que mantén un curioso estatus público-privado, está dedicada a preservar a estabilidade operacional da rede e desenvolver normativas por medios de procesos baseados no consenso.

ICANN coordina a administración dos elementos técnicos do DNS para obter unha resolución unívoca dos nomes. Desta forma, distribúe os identificadores técnicos usados nas operacións de internet e delega os nomes de primeiro nivel.

A entidade está gobernada por unha Xunta Directiva, con gran presenza internacional, encabezada por un Director Xeral. O seu persoal traballa en tres continentes. Conta con tres organizacións de apoio (para nomes xenéricos, para nomes nacionais e para enderezos IP). O Comité Asesor Gubernamental, integrado por máis de oitenta gobernos, actúa igualmente como asesor. Na Xunta Directiva houbo e hai cidadáns de Estados como Australia, Bulgaria, Francia, Alemaña, España, Ghana, Xapón, Kenia, Senegal, Portugal e, dende logo, Estados Unidos, entre outros.

Sobre os dominios orixinais, a ICANN introduciu no ano 2000 sete novos, correspondentes a .aero, .biz, .coop, .info, .museum, .name e .pro. ICANN é responsable tamén de concederlle á cultura e á lingua de Catalunya o .cat.

Outra organización a ter en conta é a ISO, entidade internacional non gobernamental, composta por representantes dos Organismos de Normalización, que produce Normas Internacionais industriais e comerciais. Estas normas son coñecidas como Normas ISO. A 3166 identifica códigos de países, e está validada para os dominios xeográficos que otorga a ICANN.

© Asociación Puntogal