Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

As institucións e administracións

A rede converteuse nun instrumento que fomenta a democratización e a universalización da cultura, posibilitando que esta chegue a calquera persoa con independencia de onde se atope. Internet despunta así como unha excelente plataforma para a creación e a difusión cultural.

No tempo que PuntoGal leva traballando na súa campaña de adhesión para solicitar o maior número de apoios posible a un dominio galego en internet, así como no intento de concienciación entre a cidadanía sobre a necesidade deste, son moitas as entidades, institucións -tanto públicas como privadas- e as persoas que seguen sumándose a este proxeto.

A través del, ven a posibilidade de dar maior visibilidade e presenza ao pobo galego na rede e no mundo e de contar cun lugar propio e diferenciado para a nosa cultura e a nosa sociedade no labirinto dos dominios.

Na actualidade o que non está en internet non existe e o .gal é unha oportunidade única para agrupar todos os contidos da rede vinculados á nosa cultura e á nosa lingua e impulsar así o galego como medio para fomentar a identidade cultural do noso país.

Ter un domino propio na rede convértese hoxe nun elemento simbólico que é, ao mesmo tempo, un exercicio de normalidade en tanto que permite visualizar nela a existencia da nosa comunidade, ademais de servir como unha ferramenta que contribúa á normalización da nosa lingua e a potenciar o noso patrimonio cultural no exterior.

O .gal permitirá atravesar fronteiras e achegar a nosa cultura e arte a outros recunchos do mundo sen renunciar á súa marca de identidade galega.
O .gal é unha oportunidade única para agrupar todos os contidos da rede vinculados á nosa cultura e á nosa lingua

© Asociación Puntogal