Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

As empresas

As innovacións no terreo das tecnoloxías da información e da comunicación danse cada vez máis a presa, modificando notablemente as relacións produtivas e mesmo determinando novos modelos de desenvolvemento económico.

A forma na que as empresas galegas asumiron nos últimos tempos estes trocos tecnolóxicos e a súa integración cada vez maior en internet ten sido decisiva para o aproveitamento das posibilidades que a rede ofrece, máis é preciso dar un paso máis: a creación dunha marca galega na rede.

A consecución dun dominio propio co que diferenciarse e ter unha maior visibilidade na arañeira perfílase como fundamental para identificar as empresas galegas nunha rede que medra a un ritmo vertixinoso, o que, entre outras moitas vantaxes, facilitará as relacións económicas entre elas e os seus clientes.

PuntoGal abre deste xeito un abano de oportunidades para que a empresa galega compita en condicións vantaxosas polo seu posicionamento de mercado e para identificarse estratexicamente nunha internet cada vez máis extensa, favorecendo así as relacións económicas cos seus clientes. Será tamén unha ferramenta idónea para impulsar as relacións económicas entre todas as empresas galegas, as afincadas no país e aquelas outras -máis de 50.000- que o están noutros.

Do mesmo xeito, a consecución dun dominio propio ampliará o público destinatario das nosas empresas, chegando ás novas xeracións de descendentes de galegos e galegas emigrados/as.

© Asociación Puntogal