Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

O dominio de internet '.cat' roza os 24.000 rexistros tras un ano e medio de vida

28/08/2007
O dominio de internet .cat ten xa 23.619 rexistros contabilizados un ano e medio logo de ser aprobado polo ICANN, o organismo internacional que se encarga de xestionar os dominios na rede. Segundo o director executivo da fundación Punt.Cat, Jordi Iparaguirre, esta é unha cifra "notable" tendo en conta que o dominio .cat non é dominio territorial equivalente ao que dispón os países, senón que se trata dun rexistro xenérico, dedicado á lingua e a cultura.

Así, o ICANN clasifica o dominio .cat no mesmo grupo ao que pertencen siglas tan comúns na rede como o .com, o .net e o .org, entre outras.

Novena posición na clasificación de rexistros

Segundo os datos facilitados pola fundación privada --constituída no 2004 por case un centenar de asociacións e grupos da cultura e a lingua catalá para promover o rexistro .cat--, actualmente este dominio atópase en novena posición na clasificación de rexistros.

En contraposición, Iparaguirre destacou que o dominio catalán sobe ata o sexto lugar se se considera o número de documentos colgados na rede nestas páxinas, que ascende a máis de catro millóns.

Con todo, o dominio .cat desínflase se se compara cos rexistros territoriais, xa que países dun tamaño e características económicas e demográficas parecidas a Catalunya, como Holanda (2,45 millóns de rexistros), Finlandia (150.000 rexistros) e ata Lituania (56.000 rexistros) ou Croacia (45.000) superan as cifras catalás.

Reivindicación histórica de Catalunya

Segundo Iparaguirre, "non se pode comparar o ano e medio do .cat cos 10 ou máis doutros dominio, nin tampouco os prezos, xa que algúns teñen custo cero e úsanse para especular coa reventa", no mercado secundario, é dicir, persoas que rexistran dominios de palabras ou marcas coñecidas para logo especular coa súa venda.

En outubro do 2004, o entón ministro de Industria, Turismo e Comercio, José Montilla, abriu a porta á aprobación do dominio .cat, unha das reivindicacións históricas dos internautas de Catalunya.

Iparaguirre advirte que calquera comparación "débese coller con pinzas" e achacou o diferencial do .cat respecto ao resto de países "ao apoio dos gobernos e ministerios" do que estes últimos gozan. A única condición para rexistrar un dominio .cat é que as páxinas conteña contidos "significativos" en catalán.

Un 15% das direccións corresponden a administracións públicas

Dos preto de 24.000 rexistros activos existentes, aproximadamente o 15% corresponden a administracións públicas, o 30% a particulares e entidades e o 55% restante, a empresas.

Precisamente, este último grupo é un dos que máis interese mostrou no .cat, sobre todo no caso de pemes que non tiñan presenza na rede ata a apertura do dominio, segundo apuntou o director executivo da fundación.

Iparaguirre tamén quixo destacar que, despois do esforzo que se fixo desde a fundación Punt.Cat e as súas entidades asociadas --o Instituto de Estudos Cataláns e a Corporació Catalá de Ràdio i Televisió, entre outras-- para ser o primeiro dominio cultural recoñecido, outras comunidades lingüísticas, entre elas Galicia (co PuntoGal, para lingua e a cultura galegas) e Gales, teñen interese en seguir os pasos de Catalunya.

© Asociación Puntogal