Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

Arredor de mil dominios reservados nas primeiras fases poderán activarse nos vindeiros días

O Dominio .GAL entra na Fase Aberta o 2 de decembro

27/11/2014 A Asociación PuntoGal presentou esta mañá na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (Universidade de Vigo) a Fase Aberta do dominio .GAL. Despois das fases previas e con cerca de 1000 dominios, o día 2 de decembro ábrese o dominio sen ningún tipo de restrición a toda a cidadanía. Quen queira promover a súa marca ou destacar o valor engadido do seu produto, promover a cultura galega ou destacarse coa referencia ó noso na internet xa ten a súa oportunidade. Ese mesmo día estarán activos todos os dominios solicitados nas fases Abrente e Carreira que cumpran coas esixencias establecidas.

 

Fase Aberta

O acto de presentación da Fase Aberta, celebrado na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e presidido polo Reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato contou coa intervención do Presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González e a Directora Xeral da Asociación, Edita de Lorenzo.
O vindeiro 2 de decembro estarán activos os dominios solicitados na fase Abrente e na fase Carreira que cumpren cos requisitos establecidos e comezará a funcionar abertamente o .GAL. A partir dese día poderanse rexistrar os dominios de xeito aberto, sen restrición ningunha, concedéndose por orde de chegada, tal e como funcionan todos os dominios de Internet existentes na actualidade.

Fases Previas

Danse así por finalizadas as fases previas do dominio .GAL que, como todos os dominios novos, se cumpriron cun apoio amplo da sociedade galega. Foron mais de 90 os dominios chamados pioneiros que se activaron o 25 de xullo deste ano, día de Galicia. E, a partir do día 2 de decembro, estarán activos todos aqueles dominios que cumpran cos requisitos das fases Abrente e Carreira co que teremos case que 1000 dominios .GAL en internet, informou Edita de Lorenzo, Directora Xeral do dominio.
Entre os dominios solicitados na fase Abrente pódense atopar grandes coñecidos na internet coma facebook.gal, google.gal e wordpress.gal, grandes empresas como gasnaturalfenosa.gal, televes.gal e lacaixa.gal e nomes tan nosos como xabarin.gal ou illascies.gal ademais dun número importante de marcas locais. Tamén poderemos ver, moi pronto, as páxinas web de moitos concellos e nomes vinculados ás administracións públicas así como unha gran variedade de entidades sociais e culturais de todo tipo da sociedade galega.

As solicitudes de dominios para a fase de lanzamento levouse a cabo a través das 30 empresas rexistradoras acreditadas ante a Asociación PuntoGal. Serán estas empresas quen rexistren, desde o 2 de decembro, todos os pedimentos que se acheguen para a nova etapa que o .GAL comeza. O escaparate de Galicia e das comunidades galegas, no máis amplo sentido, na Internet comeza unha nova etapa, a de funcionamento aberto para todas as persoas e entidades que queiran usar este novo distintivo: .GAL no seu nome.

.GAL para todos e todas

En palabras do presidente de PuntoGal: “chegou a hora da verdade, é a hora de ser consecuentes coa nosa identidade, coa nosa historia, coa nosa realidade social, coa nosa vontade de seguir vivindo e permanecer no futuro”. Engadindo que é unha oportunidade para os nosos emigrantes que poderán facer explícita a súa condición de galegos independentemente de onde se atopen.
Así mesmo, a Asociación PuntoGal porá en marcha unha campaña onde se publicitará o dominio .GAL como elemento de promoción da lingua e cultura galegas. Baixo o lema “Os galegos temos un Punto”, trátase de dar a coñecer o dominio .GAL como lugar común na Rede, un punto de encontro, con imaxes que transmiten cun sorriso o xeito especial de facer as cousas.
PuntoGal é xa unha oportunidade aberta para toda a cidadanía, para aqueles que queiran promover a súa marca cara a sociedade galega ou remarcar o valor engadido que supón amosar que os produtos e servizos son galegos. Quen queira dicirlle ao mundo que é galego ou galega, que vive en Galicia ou que ama a Galicia. Para todos e todas, xa está á vosa disposición o dominio .GAL.

Imprimir Enviar páxina

© Asociación Puntogal