Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

OS 90 SELECCIONADOS PODERÁN ACTIVAR UNHA WEB CO PUNTOGAL O 25 DE XULLO

Ultimo día para solicitar un enderezo pioneiro do .gal

11/07/2014 O prazo para solicitar ser un dos 90 pioneiros do .gal remata este venres, 11 de xullo. Quedan pois menos de 24 horas para pedir entrar no grupo de institucións, empresas e colectivos que xa amosaron o seu compromiso coa promoción da lingua e da cultura galegas solicitando poder activar a súa web co puntoGAL este 25 de Xullo.

A Asociación puntoGAL seleccionará os 90 pioneiros entre as solicitudes enviadas até este venres as 00.00 horas. Os seleccionados poderán beneficiarse dun domino .gal uns cinco meses antes que os demáis. O resto de fases de lanzamento do .gal comezarán en setembro e as direccións non se activarán até os últimos meses do ano.

As normas que regulan o Programa Pioneiros e o formulario de solicitude están publicados en liña dende o 1 de xuño en www.dominio.gal . Este portal explica as vantaxes, requisitos e prezos do Programa Pioneiros. Tamén en www.domino.gal a Asociación publicará toda a información sobre as próximas fases de lanzamento do .gal .

Xuntanzas e agradecementos

A Asociación puntoGAL mantén dende o 1 de xuño numerosas xuntanzas con asociacións, partidos políticos, empresas, administracións, medios de comunicación e outras organizacións vinculadas ó mundo da lingua e a cultura para explicarlles a importancia do dominio e as posibilidades que se abren coa súa posta en marcha.

A Asociación, operador do identificador, dálle as grazas a todos aqueles que xa confirmaron publicamente a súa intención de solicitar un .gal no Programa Pioneiros.

Ademáis, puntoGAL quere recoñecer unha vez máis o apoio recibido durante o proceso de solicitude por toda a sociedade galega, que achegou máis de 12.000 sinaturas para a candidatura. Na Asociación colaboran máis de 110 entidades, incluíndo representantes das universidades, a comunidade no exterior, as principais entidades culturais, as empresas e as asociacións culturais de base, así como diversas administracións. O dominio é voso.

© Asociación Puntogal