Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

DECLARACIÓN UNÁNIME DOS PARTIDOS REPRESENTADOS NA CÁMARA, QUE SOLICITARÁ UN DOS DOMINIOS PIONEIROS 


O Parlamento recoñece a importancia da consecución do .gal

26/06/2014 O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, por unaminidade dos partidos políticos representados na Cámara, unha declaración institucional na que recoñece o logro da obtención do dominio e a súa importancia para o desenvolvemento da Internet en Galicia. O Parlamento sinala que o .gal será beneficioso para o desenvolvemento non só da lingua e a cultura na rede, senón tamén doutros ámbitos, entre os que sinala ás empresas.


O texto inclúe a petición para que o Parlamento solicite un dos dominios pioneiros que o Rexistro activará o día 25 de xullo. No acto, que tivo lugar ás dez da mañá no pazo do Hórreo, estiveron presentes varios dos membros da xunta directiva da Asociación puntoGAL, a entidade que solicitou e agora xestiona o novo dominio.

Pioneiros activos o 25 de Xullo
O dominio .gal, aprobado tras máis de sete anos de traballo e coas sinaturas de apoio de doce mil cidadáns e 110 entidades, púxose en marcha no mes de abril coa apertura da súa primeira páxina, de caracter técnico, nic.gal. Foi nas datas previas ó Día das Letras Galegas cando se abriu a primeira web con contido, dominio.gal, onde se informa do proceso do programa Pioneiros e das distintas fases para o rexistro dos dominios. O programa Pioneiros permitiralles a ata un número máximo de noventa empresas ou entidades ter un dominio .gal activo o día 25 de xullo e, funcionando de maneira exclusiva, ata case finais de ano.

A Asociación puntoGAL está mantendo estes días xuntanzas con partidos politicos e institucións vinculadas ó mundo da lingua e a cultura, entre as que figura a Real Academia Galega (RAG) para explicarlles a importancia o dominio e as posibilidades que se abren coa súa posta en marcha. Esta mesma mañá o presidente da Asociación, Manuel González, mantivo unha reunión neste sentido coa secretaria xeral do Valedor do Pobo,  María José Castro Carballal.

puntoGAL agradece especialmente no día de hoxe o apoio do Parlamento de Galicia e de todos os grupos parlamentarios aí representados. Pero tamén, e unha vez máis, quere recoñecer o apoio recibido durante este proceso por toda a sociedade galega, incluíndo a comunidade no exterior, as principais entidades culturais, as empresas e as asociacións de base, así como o apoio da administración. O dominio é voso.

© Asociación Puntogal