Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

A ASOCIACIÓN PUNTOGAL PRESENTOU OS PRAZOS E REQUISITOS PARA O USO DO DOMINO DE INTERNET PARA A SOCIEDADE GALEGA HOXE NUN ACTO NA CIDADE DA CULTURA

As páxinas web pioneiras do .gal comezarán a funcionar o 25 de xullo

16/05/2013 A Asociación puntoGAL presentou esta maña www.dominio.gal  a primeira páxina web baixo o dominio da Internet para a sociedade galega. A presentación tivo lugar na véspera do Día das Letras Galegas na Cidade da Cultura de Galicia e contou coas intervencións de Manuel González, presidente da Asociación, Alberto Nuñez Feijóo, presidente da Xunta e Xosé Antonio Gómez Segade, catedrático de Dereito da Universidade de Santiago.
Programa Pioneiros: dende o 1 de xuño ao 25 de xullo

O novo portal explica os prazos e os criterios que rexen o lanzamento do .gal. Así, dende o 1 de xuño a Asociación aceptará candidaturas para o Programa de Pioneiros. Durante o mes de xuño recibiranse propostas e a Asociación seleccionará, baseándose en criterios de visibilidade e notoriedade, até un máximo de 90 Nomes Pioneiros.

Estes enderezos de pioneiros entrarán en funcionamento na Rede o 25 de xullo, Día Nacional de Galicia. Os pioneiros terán a vantaxe de poder publicar webs baixo o .gal catro meses antes co resto, gozando dunha maior visibilidade. Iso si, terán que afrontar un prezo especial (entre 3.000 e 400 euros segundo e o tipo de solicitante) e loxicamente, cumprir unha serie de requisitos. PuntoGAL publicará todos os detalles do Programa de Pioneiros (prezos, etc.) dentro de 15 días, o 1 de xuño, cando xa se poderá solicitar participar nesta fase.

Abrente e Carreira: en paralelo dende setembro até novembro

A seguinte fase, bautizada como Abrente, comezará en setembro, durará até novembro e busca protexer dominios de interese público. No Abrente as entidades públicas e privadas poderán exercer o seu dereito preferente de solicitar o seu dominio. Búscase así protexer os intereses de colectivos como propietarios de marcas, administracións públicas, marcas internacionais protexidas de acordo as normas da ICANN (o organismo que goberna os enderezos da Internet), etc. Cómpre lembrar que unha das finalidades do puntoGAL é que as empresas e institucións poidan presentar as súas marcas, produtos e servizos dunha maneira máis próxima a comunidade galega.

Paralelamente ao Abrente haberá unha Carreira para o público en xeral para os enderezos que non teñan dereitos preferentes. Durante a Carreira poderase poxar por enderezos especialmente atractivas.

Fase Aberta: o dominio para todos en decembro

E finalmente, en decembro, chegará a Fase Aberta, na que todo o público poderá acceder ao dominio .gal sen máis restricións.

As condicións e características concretas de cada fase serán publicadas no portal www.dominio.gal con suficiente antelación. Ademais, a través desta páxina indícase a fórmula para consultar e solventar dúbidas.

Os motivos para organizar o lanzamento en diferentes fases son para garantir a súa estabilidade técnica, cumprir as normas establecidas por ICANN e garantir un lanzamento ordenado e que protexa os dereitos públicos e privados.

Requerimentos

O novo portal tamén explica que páxinas webs poderán mostrarse baixo un .gal . O rexistro será libre e os sitios web co .gal deben ter un contido mínimo significativo en lingua galega, aínda que se mostre tamén noutros idiomas. En caso de que non mostre contido en galego, deberán ser contidos relacionados coa cultura galega ou servizos en liña específicamente dirixidos á comunidade galega e que favorezan o seu desenvolvemento. Así o establece a candidatura do .gal aprobada por ICANN.

PuntoGAL, sen ánimo de lucro e para financiar o fomento do galego na Rede

Durante o seu discurso, Manuel González destacou as vantaxes de todo tipo (a nivel económico, de autoestima, tecnolóxico, etc.) que o .gal aportará á sociedade galega. Así, o presidente de puntoGAL salientou que o novo identificador fará máis accesíbeis as páxinas web en galego, aumentando o seu tráfico e favorecendo o comercio electrónico e o desenvolvemento de novas ferramentas na Rede para o idioma. No seu discurso de presentación o voceiro indicou que “o o .gal servirá para que os internautas atopen máis rápido e eficazmente información relacionada co galego ou coa cultura galega. Os grandes buscadores de Internet poderán ordenar e clasificar os contidos en galego dun xeito máis eficaz de como o facían ata agora”.

\"Este dominio vai xerar beneficio económico para Galicia. Unha parte importante da recadación polo uso de cada dominio .gal quedará en Galicia, en vez de migrar ao exterior. Todos os beneficios que xere a súa xestión serán dedicados ao fomento da presenza do galego na rede e nas novas tecnoloxías. A utilización do .gal vai ser un elemento de visibilidade para os produtores, empresarios e comerciantes de produtos en que a identificación con Galicia supoña un plus de calidade, e facilitará a súa implantación e expansión no mercado. Os nosos viños, o peixe e marisco das nosas rías, a nosa moda, a nosa natureza, o turismo, etc. beneficiaranse co .gal” explicou González.

O presidente da Xunta argumentou \"actos coma este explican porque no ceminterio dos pobos e das culturas non está Galicia\". En opinión de Alberto Nuñez Feijóo o novo identificador \"o puntoGAL será o mellor salvoconducto para que Galicia atravese fronteiras\". O mandatario destacou, entre outros puntos, as vantaxes económicas que aportará o puntoGAL, que evitará que parte do diñeiro que os galegos invisten en rexistrar dos dominios marche do país.

Pola súa banda, Xosé Antonio Gómez Segade explicou o funcionamento do sistema de nome de dominos e destacou a importancia simbólica do identificador pois \"o dominio puntoGAL é o barco polo que a lingua e a cultura galegas van navegar polo ciberespazo\".

Grazas polo masivo e interrompido apoio recibido estes sete anos

A Asociación puntoGAL está formada por 114 organizacións de todos os sectores sociais, incluídas as principais institucións culturais do país e ducias de asociacións culturais de base. Durante os seus sete anos de traballo continuado gañouse o apoio de máis de 12.000 persoas, apoio que foi fundamental para que a ICANN aprobase a candidatura en 2013 e delegase o dominio esta primavera. A todos estas persoas e institucións puntoGAL quere dar as grazas unha vez máis. O domino é voso.

© Asociación Puntogal