Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

O DOMINIO DE INTERNET PARA A LINGUA E A CULTURA GALEGA AVANZA CARA A SÚA POSTA EN FUNCIONAMENTO

ICANN delega o dominio .gal

12/04/2014 Nic.gal convertiuse onte pola noite no primeiro dominio de puntoGAL activado pola ICANN, o organismo internacional que xestiona a rede a nivel mundial. Tras máis de 7 anos de traballo e coas sinaturas de apoio de doce mil cidadáns e 110 entidades, a posta en marcha desta primeira páxina, de caracter técnico e para probas, supón a delegación formal do dominio e a culminación dun longo proceso apoiado por toda a sociedade galega.

A Asociación puntoGAL asinou o 7 de novembro de 2013 o contrato do dominio, que permite que a entidade galega poida tomar o control do .gal para a súa posta en funcionamento. Nos vindeiros días detallaranse as normas para o rexistro nas que traballou unha comision multidisciplinar por encargo da asociación. Estas normas terán caracter público e rexeranse por criterios de transparencia e equidade. Ademais, puntoGAL organizará un acto arredor do lanzamento do dominio.

O rexistro no dominio galego na Internet comezará cun período de lanzamento repartido nas fases de Abrente (sunrise) e Carreira (landrush), para despois abrirse o rexistro ao público xeral. No período de Abrente as administracións públicas e asimilados terán prioridade para rexistrar os seus dominios co sufixo .gal, seguidas polas entidades que teñan unha traxectoria probada de promoción da lingua ou da cultura galegas; as marcas rexistradas no Trademark Clearing House de ICANN e outras marcas rexistradas, nomes ou intereses protexidos; e páxinas realizadas ou con versión en lingua galega. Mentres, o período de Carreira facilitará o acceso ao rexistro .gal a rexistrantes sen dereitos ou intereses protexidos.

Esta fase de lanzamento estará precedida dun período coñecido como Programa Pioneiros co que a Asociación puntoGAL busca a promoción do novo dominio de primeiro nivel facilitando a posta en funcionamento dunha serie limitada de dominios de Internet para entidades de certa relevancia lingüística, cultural e social.

puntoGAL quere agradecer, unha vez máis, o apoio recibido durante este proceso por toda a sociedade galega, incluíndo a comunidade no exterior, as principais entidades culturais, as empresas e as asociacións de base, así como o apoio da administración a través da AMTEGA. O dominio é voso. 

© Asociación Puntogal