Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

GONZÁLEZ RECOLLE O PREMIO DA CULTURA GALEGA 2013 NA CATEGORÍA DA LINGUA

puntoGAL defende a cooperación de toda a sociedade para transmitir unha cultura milenaria

13/12/2013 O presidente da Asociación puntoGAL, Manuel González, recolleu onte á noite o Premio da Cultura Galega 2013 nunha nova categoría, a de Lingua. Fíxoo de mans de Jesús Vázquez, conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Univeristaria da Xunta, nunha cerimonia organizada no Monte Gaiás en Santiago.

No seu discurso, González insistiu en que o logro do .gal é un triunfo de toda a sociedade e reinvidicou a obriga de traballar para transmitir a cultura do país aos máis mozos. "Defendemos a tradición, pero non a inmovilista"; dixo antes de advertir que podemos escoller entre dúas alternativas "construír un país entre todos " ou a "desgraza de poder perder unha lingua e unha cultura milenaria".

O presidente de puntoGAL destacou o carácter plural da Asociación. Así, agradeceu o apoio constante recibido polo Goberno Galego, tanto durante os mandatos de Alberto Nuñez Feijóo como de Emilio Pérez Touriño. 

Ademais, durante o acto na Cidade da Cultura de Galicia salientou que na Asociación colaboran colectivos de  todo tipo, dende as grandes institucións culturais do país (Real Academia, Consello da Cultura, Museo do Pobo Galego, etc) até as tres universidades, pasando medios de comunicación, colectivos sociais, etc. O representante do .gal fixo mención especial á axuda prestada polos colectivos culturais de base e as asociacións de emigrantes, que serán un dos principais utilizadores do dominio.

González explicou que, despois de que ICANN -a corporación que goberna Internet- e puntoGAL xa asinaran o contrato de creación do identificador, o .gal estará na Rede nos próximos meses. Deste xeito, Galicia poderá establecer "un diálogo en igualdade con outros pobos e culturas" pois "por vez primeira poderá participar na Gobernanza da Internet".

A continuación, o reponsábel da Asociación enumerou as vantaxes que aportará o .gal. Entre elas citou tanto valores simbólicos, pois "aumentará a nosa autoestima ao vernos a altura dos demais", como materiais, pois co .gal será máis doado atopar contidos en galego na Rede, poderanse desenvolver novas solucións informáticas e evitarase que o diñeiro que hoxe se inviste noutros identificadores (.com, .net, etc.) marche do país.

© Asociación Puntogal