Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

NON GARANTEN O EFECTIVO REXISTRO FINAL DESES IDENTIFICADORES

ICANN pide cautela sobre os servizos de pre-rexistro de novos dominios

11/12/2013 A medida que se achega a data de lanzamento dos primeiros novos dominios xenéricos, proliferan na Rede servizos que ofertan o suposto "pre-rexistro" de enderezos nestes novos indentificadores. Algúns destes servizos de "pre-rexistro" ofrecen tamén supostas reservas de enderezos .gal. ICANN, o organismo internacional que goberna os enderezos de Internet, acaba de publicar unha nota na que lembra que estes servizos en realidade non poden garantir ningún tipo de rexistro.
"Probablemente vostede xa escoitara falar dos novos dominios nas noticias, ou se cadra veu anuncios na televisión ou na Internet. Alégranos que cada vez haxa máis información sobre os novos dominios, pois isto indica que os usuarios de Internet están listos para sacar partido dos próximos cambios (...) Moitos deses anuncios están ofrecendo "pre-rexistros" como un xeito de asegurarse que no futuro vostede obtén o dominio que quere, e de feito algúns rexistradores están informando que lograron un gran volume de pre-rexistros. Isto constitúe unha gran noticia para os operadores de novos dominios e para todo o sector en xeral. Así e todo, consideramos que a nosa responsabilidade é pedir precaución a todos aqueles que están pre-rexistrando dominios", escribe Cyrus Namazi, vicepresidente da ICANN.

O directivo da institución responsábel do goberno da Internet explica que "non se pode garantir que o pre-rexistro dun dominio garanta o posterior rexistro efectivo dese dominio". Namazi pasa a continuación a enumerar algúns dos múltiples motivos polos que arestora ninguén pode rexistrar nin garantir a reserva de ningún novo identificador.

Algúns deses motivos non son aplicables a .gal. Por exemplo, hai novos dominos que aínda están en disputa entre varios candidatos. Hai outras candidaturas ás que ICANN lle atopou eivas que poderían supor finalmente que nunca cheguen a superar o exame. Examen que .gal xa superou e, de feito, o dominio para a lingua e a culturas galegas xa asinou o contrato de creación do dominio este outono e prevé saír nos primeiros meses de 2014.

Agora ben,  puntoGAL e todos os novos dominios terán que dar prioridade aos donos dunha serie de marcas sempre que as inscribiran nunha base de datos  internacional, a denominada Trademark Clearing House.  Ademais, puntoGAL orgnizará varias fases para o rexistro dos .gal, fases nas que terán prioridade polo menos as entidades públicas, as entidades que traballen a prol do idioma e os propietarios de marcas con validez legal en Galicia.

En definitiva, ao igual que fai ICANN, a Asociación puntoGAL quere pedir prudencia sobre estes servizos de pre-rexistros, que funcionan totalmente á marxe da Asociación.

A Asociación puntoGAL xa publicou unha guía de preguntas e respostas sobre como será o proceso para rexistrar o .gal. Nos vindeiros meses detallará as diferentes fases que terá ese proceso.

A Asociación puntoGAL estima, de acordo as previsións de ICANN, que o dominio para a lingua e cultura galegas pode ser delegado a principios de ano, podéndose iniciar a continuación as diferentes fases de rexistro de enderezos .gal .

© Asociación Puntogal