Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

O .gal recolleu o Premio San Martiño de Normalización Linguística

19/11/2013 A Asociación Cultural O Brado da Estrada entregou o premio San Martiño de Normalización Lingüística na categoría "Galicia Enteira" á Asociación puntoGAL o pasado xoves na Estrada. puntoGAL agradece o galardón, que é un recoñecemento ao apoio unánime da sociedade galega ao traballo de culminou coa recente aprobación do ".gal".
Na cerimonia de entrega Manuel González, presidente de puntoGAL, destacou que "o soño converteuse en realidade", en referencia á recente sinatura do contrato de creación do ICANN despois de sete anos de traballo. González salientou na súa intervención no Teatro Principal da Estrada o consenso logrado ao redor do .gal: "desde o primeiro momento esforzámonos en que PuntoGal fose unha iniciativa integradora, na que tivesen cabida todas as ideoloxías, todas as sensibilidades".

puntoGAL felicita aos outros premiados e nominados. Na XXIII Edición dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística o padroado deste galardón seleccionou ao profesor da Universidade de Santiago Carlos Loureiro Rodríguez para a categoría "A Estrada e Comarca de Terra de Montes" e ao fiscal da Audiencia Provincial Benito Montero na categoría "Toda unha vida".

puntoGAL agradece todo os recoñecementos logrados recentemente (Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua e nominación ao Premio do Público no CulturGAL) . Con todo, o verdadeiramente trascendental foi o apoio e empuxe de toda a sociedade, que se uniu para lograr situar a súa lingua na primeira liña da Internet.

Tras a firma do contrato con ICANN este mes, a Asociación puntoGAL comeza agora unha serie de probas técnicas obrigatorias antes da apertura do rexistro de enderezos. Grazas ao apoio de todos, os dominios .gal poderán comezar a rexistrarse  a comezos de 2014. O dominio é voso.

© Asociación Puntogal