Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

A ASOCIACIÓN AGRADECE O APOIO RECIBIDO

O .gal obtén o Premio da Cultura Galega na categoría de lingua e a nominación a Premio do Público no culturGAL

29/10/2013 A Asociación puntoGAL agradece á Xunta de Galicia e á Feira das Industrias Cultural CulturGAL o premio e a nominación recibidos. En concreto, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comunicoulle o luns o outorgamento do Premio da Cultura Galega na categoría de lengua. Ademais, o venres CulturGAL informou da nominación do puntoGAL ao Premio do Público.
puntoGAL felicita aos outros premiados e nominados. No caso dos Premios da Cultura Galega son: Luz Pozo Garza na categoría das Letras; a Fundación Granell na modalidade das Artes Plásticas; a Asociación Cultural Abrente-Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia na de Artes Escénicas; o Castro de Viladonga en Patrimonio Cultural; o Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires en Proxección Exterior; Juan Durán en Música e Bambú Producciones no apartado de Creación Audiovisual. O Festival de Cine de Cans e o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra son os outros dous nominados aos que o público pode votar na web do culturGAL.

En opinión da Asociación, o recoñecemento público e o éxito popular destas iniciativas demostra que a sociedade galega respalda a normalización do idioma nos máis diversos sectores.

puntoGAL está formada por máis de 120 colectivos de todos os sectores, incluídas as principais institucións culturais do país (Real Academia, Consello da Cultura, etc.), as tres universidades, máis de vinte asociacións de emigrantes baseadas en 10 estados (España, Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, A Arxentina, Estados Unidos, O Uruguai e Brasil), colexios profesionais, empresas de novas tecnoloxías, medios de comunicación, asociacións culturais de base, etc.

O .gal conta co apoio máis de 12.800 internautas que asinaron en liña a prol dun identificador para a lingua e cultura galegas. A Asociación non ten ánimo de lucro, senón que reinvistirá todos os beneficios que xeren os dominios en promover o galego nas novas tecnoloxías.

© Asociación Puntogal