Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

As novas direccións da internet comezan a ser unha realidade

25/10/2013 ICANN acaba de anunciar a delegación dos primeiros catro novos identificadores como resultado do Programa de Novos Dominios Xenéricos de Primeiro Nivel (gTLDs). O organismo que goberna as direccións da Internet explica que .rede escrito en alfabeto árabe, .enliña escrito en cirílico, .sitiodainternet en cirílico e .xogos en chinés xa poden incorporarse a raíz do DNS, o sistema de base de datos que permite a navegación por internet.
A delegación destes catro primeiros dominios supón o inicio da culminación do citado Programa, no que tamén foi xa aprobado o .gal . A Asociación puntoGAL estima, de acordo as previsións de ICANN, que o dominio para a lingua e cultura galegas pode ser delegado a principios de ano, podéndose iniciar a continuación as diferentes fases de rexistro de direccións .gal .

ICANN estableceu a orde pola que no pasado examinou e agora delega os dominios mediante un sorteo. Nese sorteo tiveron prioridade os IDNs, as candidaturas de dominios escritos en alfabetos non latinos. Polo tanto, serán ese tipo de novos identificadores os primeiros en estar dispoñíbeis na Rede.

En total ICANN estima que delegará uns 1.400 novos dominios xenéricos, fronte aos 22 actualmente existentes (.com, .net, .org, etc.).  "É o maior cambio en Internet dende a súa creación" dixo Akram Atallah, presidente do departamento de ICANN para os novos gTLDs. Sobre os prazos, Atallah afirma que "nas próximas semanas e meses, veremos entrar en funcionamento novos dominios en todos os lugares do mundo". puntoGAL estima que o seu turno chegará nos primeiros meses de 2014.

Dentro desta multiplicación da oferta, puntoGAL posiciónase como un dominio para servir a unha comunidade lingüística e cultural, a galega. Ademais, puntoGAL non ten ánimo de lucro, senón que reivestirá todos os seus beneficios en fomentar o uso do galego nas novas tecnoloxías.

A Asociación puntoGAL xa publicou unha guía de preguntas e respostas sobre como será o proceso para rexistrar o .gal. Nos vindeiros meses detallará as diferentes fases que terá ese proceso.

© Asociación Puntogal