Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

O PRESIDENTE DE .GAL DESTACA A IMPORTANCIA DO DOMINIO PARA A AUTOESTIMA DOS GALEGOS

A Asociación puntoGAL recolle o premio especial que lle outorga o Colexio de Enxeñería en Informática

05/10/2013 Manuel González González, presidente da Asociación puntoGAL, recolleu este venres o  galardón especial concedido polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).  A Xunta de Goberno do CPEIG decidiu por unanimidade premiar a aprobación dun dominio para a lingua e cultura galegas por parte da ICANN - o organismo que goberna as direccións da Internet.

González recolleu o premio durante a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, organizada polo CPEIG no Hotel Monumento San Francisco de Compostela este venres. O presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, foi quen entregou a figura conmemorativa.

A aprobación do .gal é un fito histórico conseguido grazas a toda sociedade galega. O presidente de .gal salienta en particular que o apoio da comunidade da enxeñaría informática, e en xeral de todo o mundo relacionado coas tecnoloxías da información, foi fundamental para que a ICANN aprobase o dominio.

Sobre a significación do puntoGAL, González explicou no seu discurso que "hai quen trata de mirar os demais sempre desde arriba, desde o alto, desde unha posición de superioridade; hai outros que se resignan a ver o mundo desde abaixo, de xeonllos, submisamente; a nós non nos gusta nin unha actitude nin a outra: queremos mirar os demais fronte por fronte, en pé de igualdade. Dentro duns meses, grazas a este dominio .gal poderemos empezar a mirar os demais á altura dos ollos".

Unha vez aprobado o dominio en xuño, puntoGAL xa iniciou os trámites administrativos é técnicos diante da ICANN de cara a súa posta en funcionamento. A Asociación, de acordo aos prazos publicados pola propia ICANN, estima que a comezos de 2014 poderanse dar os primeiros pasos para rexistrar os .gal .

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é unha das máis de 120 entidades de todo tipo que colaboran como membro da Asociación puntoGAL. O .gal conta tamén co respaldo de case 13.000 particulares. A todos eles puntoGAL quere trasmitir de novo o seu agradecemento. O dominio é voso.

© Asociación Puntogal