Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

Máis de 5.000 marcas inscritas para seren protexidas en todos os novos dominios

25/08/2013 Máis de 5,000 marcas comerciais xa foron inscritas na Trademark Clearinghouse (TMCH)  dende marzo, segundo informa Deloitte. Esta consultora é a encargada de ICANN para xestionar a base de datos centralizadas da TMCH, un mecanismo de protección de marcas que se aplica a todo o programa de novos dominios de internet.

ICANN, o organismo que goberna as direcións da Internet,  prevé que os primeiros novos dominios cheguen á rede este ano, pois asinou os primeiros contratos este mes de xullo.  O .gal, o dominio para a lingua e a cultura galega, xa superou a avaliación da ICANN. Está previsto que o puntoGAL rubrique o seu contrato a comezos de 2014 e comece a aceptar rexistros pouco despois.

ICANN obriga a todos os novos dominios a dar acceso prioritario a certos colectivos. Entre eles, están os propietarios de marcas que se inscriban na Trademark Clearing House.

Segundo informou Delloitte en xullo, xa van 5.000 inscritos na TMCH. As marcas relacionadas con aparatos científicos e de ensino (23%) e as relacionadas coa publicidade e a xestión de empresas (22%) son os tipos de marcas máis rexistradas. Entre os países con máis marcas inscritas, están Estados Unidos (44%) e Francia (10%).

Unha das vantaxes para os que se inscriban nesta base de datos é que todos os novos dominios -non unicamenet o .gal- estarán obrigados a reservar 30 días nos que os inscritos poderán facerse cos identificadores das súas marcas antes de que estean dispoñíbeis para o público en xeral.

A Asociación recomenda ás empresas galegas interesadas protexer a súa marca en todos ou moitos dos novos dominios que se informen do proceso da TMCH na web específica da ICANN.

En todo caso, ademais dos inscritos na TMCH, a Asociación puntoGAL garantirá acceso prioritario aos seus identificadores a outros colectivos, entre os que están os propietarios de marcas con validez legal en Galicia, estean inscritos ou non na citada base de datos internacional.

© Asociación Puntogal