Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

O DOMINIO PARA O GALEGO LEVA ANOS COLABORANDO CON .BZH, .SCOT, .CAT E .EUS

PuntoGAL felicita a .scot pola aprobación do dominio para a cultura escocesa

21/08/2013 A Asociación puntoGAL, que promove un dominio de Internet para a lingua e cultura galegas, felicita a .scot pola aprobación da súa proposta. A ICANN, o organismo que goberna as direcións de Internet, acaba de aprobar a avaliación inicial da candidatura dun dominio para representar a cultura e a comunidade escocesa, remitida pola iniciativa sen ánimo de lucro Dot Scot Registry.
A Asociación puntoGAL e Dot Scot levan varios anos colaborando nunha asociación chamada European Cultural and Lingüsitic Domains (ECLID). O obxectivo de ECLID é promover dominios de internet sen ánimo de lucro ao servizo das comunidades culturais e lingüísticas de Europa.

Nesta iniciativa tamén colaboran outros dous candidatos, o bretón .bzh e vasco .eus. En ECLID participa ademáis a Fundació puntCAT, a operadora do .cat, único dominio lingüístico en funcionamento no mundo. ICANN aprobou o .cat na quenda anterior de recepción de candidaturas,  organizada hai máis de sete anos.  Dende 2006 o .cat logrou rexistrar máis de 65.000 dominios, demostrando a viabilidade económica dos dominios culturais e lingüísticos.

Coa recente aprobación da proposta de .scot, todos os membros de ECLID xa superaron o exame da ICANN. De acordo aos calendarios de ICANN, os primeiros candidatos aprobados comezarán a estar operativos na Rede dende este outono. puntoGAL estima que a principios de ano comezará o proceso para reservar o rexistro do .gal.

© Asociación Puntogal