Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

ICANN asina os primeiros catro contratos para novos dominios

22/06/2013 A ICANN, a corporación que goberna as direccións da Internet, asinou os catro primeiros contratos para a delegación de novos dominios durante a súa 47º reunión pública en Durban (Sudáfrica), que rematou este venres. De acordo ao calendario anunciado por ICANN, estes catro novos identificadores comezan agora o período de provas técnicas e poderían estar accesíbeis ao público no mes de setembro.

Son "rede" en alfabéto árabe,  "en liña" e "sitio da Internet" en ruso e "xogos" en chinés.

Segundo os mesmos prazos, o .gal, o dominio para a lingua e cultura galegas, asinaría o seu contrato a comezos de 2014, podendo estar en liña poucos meses despois. A orde pola que os novos dominios asinan o contrato de delegación foi determinada por un sorteo, no que os candidatos escritos en caracteres non latinos (IDNs) tiveron prioridade.

Así  rede en árabe era o número 3 na cola da avaliación, "en liña" en ruso o número 6, "sitio da Internet" en ruso  o número 9 e "xogos" en alfabeto chinés era o número 40. O .gal, que ao igual que os catro que rubricaron o contrato, xa superou a avaliación da ICANN, obtivo o número 742 entre 1.917 candidatos.

Os gobernos piden prioridade para os dominos comunitarios como o .gal

Por outra banda, o GAC (o comité a través do que os gobernos participan nas decisións da ICANN) publicou un comunicado non que demanda a ICANN máis prioridade para os dominios que contan co apoio dunha comunidade. Este é o caso do .gal, que remitiu a súa candidatura co apoio de máis de 120 colectivos e case 14.000 internautas.

O grupo gubernamental demándalle a ICANN que "teña máis en conta os puntos de vista das comunidades, e mellore o funcionamento para esas comunidades, dentro do actual marco de traballo".

© Asociación Puntogal