Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

GALARDÓN ESPECIAL PARA A ASOCIACIÓN PUNTOGAL

O Colexio de Enxeñería en Informática premia o impulso á lingua que representa o .gal

02/07/2013 A Asociación puntoGAL mostra o seu agradecemento polo galardón especial que o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) acaba de concederlle.  A Xunta de Goberno do CPEIG decidiu por unanimidade premiar así a aprobación dun dominio para a lingua e cultura galegas por parte da ICANN - o organismo que goberna as direccións da Internet.

puntoGAL destaca que a aprobación é un fito histórico conseguido grazas a toda sociedade galega, que amosou un apoio unánime durante sete anos de traballo. Manuel González, presidente da Asociación puntoGAL, salienta en particular que  “o apoio da comunidade da enxeñaría informática, e en xeral de todo o mundo relacionado coas tecnoloxías da información, foi fundamental ao longo destes anos para conseguir o dominio”.

"O dominio .gal representa un decidido impulso para a difusión e coñecemento da lingua e cultura de Galicia", explica pola súa banda o CPEIG. Este organismo adianta que o acto de entrega do premio terá lugar durante a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, cuxa quinta edición será no próximo mes de outubro.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é unha das máis de 120 entidades de todo tipo que colaboran como membro do puntoGAL. O .gal conta tamén co respaldo de case 13.000 particulares. A todos eles, a Asociación quere mostrar unha vez máis o seu agradecemento. O domino é voso.

© Asociación Puntogal