Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

PRAZOS, PREZOS E OUTRAS CUESTIÓNS

Preguntas frecuentes sobre como rexistrar un .gal

26/05/2013 PuntoGAL presenta as respostas ás dúbidas máis comúns remitidas por correo electrónico e a través das redes sociais sobre o futuro lanzamento do dominio para a lingua e cultura galegas, o .gal.

Cando se poderá rexistrar o .gal?

De acordo aos prazos anunciados por ICANN, o organismo internacional que goberna as direccións da Internet, a Asociación puntoGAL agarda poder firmar o contrato de delegación a comezos de 2014. Na primavera puntoGAL poderá lanzar o rexistro. Agora ben, estes prazos poden variar -adiantarse ou atrasarse- en función de factores que dependen da propia ICANN. Sobre todo, o número final de candidatos a novos dominios que finalmente ICANN aprobe. En todo caso puntoGAL irá actualizando información sobre prazos a través da súa web e redes sociais.

Existe a posibilidade de pre-rexistrar xa algún dominio .gal?

Non. Algúns outros candidatos a novos dominios e rexistradores están a ofrecer este servizo, malia que arestora ICANN non formalizou aínda ningún contrato. A Asociación puntoGAL non abrirá ningunha fase de rexistro até que asine o contrato de delegación con ICANN.

Que páxinas poderán rexistrase cun .gal?

Todos os sitios que empreguen o galego, ou fomenten o desenvolvemento da comunidade galega nas comunicacións en liña e da súa cultura, poderán usar o identificador.

Como se organizará o proceso de rexistro?

Haberá varias fases, reguladas por unhas normas que se están a elaborar por parte da Asociación cumprindo co marco legal que fixa a ICANN. Estas normas serán públicas, transparentes e anunciaranse con antelación dabondo ao lanzamento do rexistro. En termos xerais, haberá unha primeira fase -denominada 'sunrise' na industria de dominios- no que puntoGAL está obrigado a dar acceso prioritario a certos colectivos determinados pola ICANN e na que puntoGAL tamén pode outorgar acceso prioritario a outros grupos. Logo haberá unha apertura xeral.

Que grupos terán acceso prioritario de acordo ás normas da ICANN?

A ICANN obriga a todos os dominios a dar acceso prioritario a certos colectivos. Entre eles, están os propietarios de marcas que se inscriban na Trademark Clearing House. Unha das vantaxes para os que se inscriban nesta base de datos é que todos os novos dominios -non só .gal- estarán obrigados a reservar 30 días nos que os inscritos poderán facerse cos identificadores das súas marcas antes de que estean dispoñíbeis para o público en xeral. A Asociación recomenda ás empresas galegas interesadas protexer a súa marca en todos ou moitos dos novos dominios que se van a poñer en marcha en breve, que se informen do proceso na web específica da ICANN.

Que grupos terán acceso prioritario de acordo ás normas de puntoGAL?

O .gal é un dominio para promover a lingua e cultura galegas. Polo tanto, cando menos os seguintes colectivos terán prioridade: as entidades públicas, as entidades que traballen a prol do idioma e os propietarios de marcas con validez legal en Galicia. En calquera caso as normas para delimitar estes colectivos de acceso prioritario serán públicas e transparentes. Estas normas serán publicadas antes de abrir o proceso de solicitude de dominios.

Que prezo terá o .gal?

O prezo definitivo aínda non está fixado. De todas formas a intención da Asociación puntoGAL é que sexa o mínimo posíbel que garanta cando menos o mantemento económico autónomo do .gal. Esta cantidade depende de múltiples factores, varios dos cales ICANN aínda non pechou ao 100%.

A que se adicarán os beneficios do .gal?

A Asociación puntoGAL non ten ánimo de lucro. Todos os ingresos serán adicados ao mantemento do dominio. Os beneficios que poida haber serán reinvestidos en promover o galego e a cultura galega nas novas tecnoloxías, como figura na candidatura remitida a ICANN.

© Asociación Puntogal