Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

DISCURSO NA PRESENTACIÓN DA APROBACIÓN DO .GAL

"Grazas a toda a sociedade galega polo seu apoio"

15/06/2013 No instituto público IES Rosalía de Castro, a Asociación puntoGAL presentou en rolda de prensa a aprobación do domino. Manuel González explicou, entre outros aspectos, os prazos e as normas que rexerán o lanzamento do .gal. Velaquí o seu discurso completo:

Queridas amigas e amigos:

Nuns tempos nos que non abundan as boas noticias hoxe temos a satisfacción de convocarvos aquí para dar conta dun acontecemento feliz: o anuncio feito pola ICANN de que o dominio PUNTOGAL superou positivamente o proceso de avaliación.

Escollemos para facer público este acontecemento o Instituto Rosalía Castro porque simboliza, ao noso ver o dinamismo da cultura nesta cidade e, sobre todo, porque é un espazo que habitualmente ocupan as mozas e mozos que son o futuro do noso país. Acordámonos á hora de escoller o lugar de que este Instituto foi o primiero no que se impartiron clases de informática na nosa cidade, grazas á inquedanza e visión de futuro do seu claustro e, sobre todo, de Paulino (quen se encargaba desa docencia) e de Ubaldo, o seu director, a quen lle quero agradecer que nos cedese o local para facer esta rolda de prensa e que sacrificase unha mañá de sábado para virnos abrir a porta e preparar o local.

Permítanme que faga un pouco de historia:
    •    No ano 2006 constituíuse a Asociación PUNTOGAL coa finalidade de presentar  unha candidatura para obter en Internet un dominio lingüístico e cultural para o galego. Foi unha teima desde o propio momento da constitución da asociación a vontade de integración, e procuramos que nela estivesen representados os distintos ámbitos sociais, tanto do interior de Galicia coma da Galicia exterior: o mundo da cultura, as Universidades, os medios de comunicación, o mundo tecnolóxico, o mundo da empresa... Procuramos evitar todo tipo de partidismo, e logramos a colaboración e o compromiso de todas as forzas políticas.
    •    Desde aquela comezamos a traballar na persecución do soño da consecución do dominio, e fixémolo fundamentalmente en dous espazos:
O traballo diante da ICANN:
    •    Tratamos de participar en todas as reunións da ICANN nas que presumiamos que se ían tomar decisións de interese para nós: Cando por razóns económicas non puidemos acudir fisicamente, procuramos estar presentes enviando vídeos ou con outro tipo de intervencións.
    •    Esforzámonos por dar a coñecer a existencia dunha lingua e cultura galega diante dos membros e dos comités da ICANN, e convencelos da necesidade dun dominio .gal, poñendo de relevo feitos como que contamos cunha lingua propia, unha lingua con carácter oficial, unha lingua que mesmo se fala en territorios que quedan fóra da Comunicade Autónoma; ou que posuímos unha comunidade cunha forte compoñente migratoria, que é necesario cohesionar.
    •    Insistimos na idea de que contamos cun apoio social amplo, e na existencia dun consenso político para a consecución dun dominio deste tipo.
    •    Mesmo procuramos incidir na democratización lingüística do propio organismo, tratando de que se abrise á utilización doutras linguas distintas do inglés como instrumento de comunicación dentro da ICANN.
    •    Procuramos na medida do posible facer unha fronte común cos demais demandantes de dominios lingüísticos e culturais. Isto levounos a constituír un grupo de traballo (ECLID) cos vascos, escoceses, bretóns, galeses, e a deseñar estratexias comúns para facer máis forza dentro da ICANN. E aproveito a ocasión para enviarlles un abrazo e para transmitirlles os nosos parabéns aos compañeiros de Euskadi, que acaban de conseguir tamén onte o mesmo obxectivo, e cos que compartimos tantos momentos de traballo e de inquedanza.

O certo é que Puntogal chegou a ser ben coñecida dentro da ICANN, a pesar das dificultades que para este obxectivo presentaba a renovación dos seus membros. Foi tamén necesario certo traballo de concienciación da necesidade do dominio dentro da sociedade galega:
    •    campañas sociais dentro de Galicia sobre as vantaxes dun dominio propio.
    •    busca de apoios para o dominio: apoios individuais, pero sobre todo apoio de colectivos económicos, mediáticos, profesionais, culturais e educativos.
    •    busca de apoio político: nos gobernos galegos, nos partidos políticos, nos grupos parlamentarios de Galicia, e tamén no goberno do Estado.

Despois dunha longa peregrinaxe, a ICANN abriu o prazo para a presentación de novas candidaturas. Procuramos presentar unha candidatura sólida: O  informe sobre a descrición da comunidade e a fundamentación da necesidade do dominio, o informe sobre a viabilidade económica, e o informe sobre o funcionamento técnico do dominio foron realizados por persoas e entidades de absoluta competencia.

Hoxe é un día de alegría, que marca un fito para o futuro de Galicia e do galego en Internet: hoxe ábrese a porta para que brille un novo astro con luz propia dentro do Universo de Internet. A lingua e a cultura galega van lucir desde este momento con personalidade propia, e isto é importante:
    •    porque lle vai dar visibilidade universal á nosa personalidade particular. As letras gal vanlle estar recordando ao mundo cada día que existe unha comunidade que se chama Galicia e unha lingua que se chama galego.
    •    Os cidadáns galegos vanse sentir máis importantes e máis orgullosos de seren galegos, porque o feito de ver recoñecida a súa personalidade en Internet vai aumentar a súa autoestima.
    •    O dominio PUNTOGAL vai ser un instrumento de cohesión social da comunidade galega independentemente de que estea no interior de Galicia ou en calquera outro lugar do mundo.
    •    O .gal servirá para que os internautas atopen máis rápido e eficazmente información relacionada co galego ou coa cultura galega. Os grandes buscadores de Internet poderán ordenar e clasificar os contidos en galego dun xeito máis eficaz.
    •     A consecución deste dominio é tamén positiva d.p.d.v. económico: Cando hoxe alguén desde Galicia rexistra un dominio xenérico (.com, .net. .org, .info etc.) a maior parte dos beneficios da operación marchan fóra. Polo contrario, cando se active un ".gal" a maior parte da repercusión económica directa quedará en Galicia. Polo tanto, .gal servirá tanto para captar ingresos de fóra como para reducir o volume de diñeiro que marcha ao exterior produto do rexistro de dominios.
    •    Contribuirá ao desenvolvemento das novas tecnoloxías en Galicia e do uso do galego nelas: Unha vez asegurada a estabilidade económica do proxecto, todos os beneficios que se xeren destinaranse a incrementar a presenza do galego na rede e a fomentar o galego nas novas tecnoloxías.
    •    Este dominio permitiranos, en fin, sentármonos nas mesas onde se tomen decicións relevantes para a gobernanza de internet e podermos achegar a nosa perspectiva ao deseño do futuro de internet

A consecución do dominio foi posible grazas a todos, grazas ao conxunto da comunidade galega. Non é un triúnfo particular de ningún goberno, de ningún partido, de ningunha organización. É unha conquista de toda a sociedade, e é un exemplo de que “todos xuntos podemos”.

Que ninguén, absolutamente ninguén, trate de apropiarse deste logro. E iso non quere dicir que non teñamos neste momento que facer agradecementos particulares: grazas aos gobernos (desde o do Presidente Pérez Touriño ao do presidente Núñez Feijoo, e particularmente nos últimos tempos á AMTEGA e á súa directora Mar Pereira), grazas ás institucións que nos apoiaron, grazas ás organización do mundo da cultura e do traballo, grazas ás Universidades (e de maneira particular á de Santiago, que tivo a xentileza de ofrecernos un local para as oficinas da Agrupación Puntogal), grazas ás organizacións do mundo da información e do mundo das telecomunicacións, grazas aos Centros Galegos dos distintos países do mundo, grazas ás asociacións de empresarios galegos, grazas aos particulares que asinaron para apoiar a candidatura, grazas moi especiais aos que traballaron, sufriron e  entregaron unha parte do seu tempo na directiva de Puntogal, grazas a Susan Reinolds e Manuel Vilas pola paixón e entrega con que viviron este longo proceso desde as oficinas da asociación.

Agora hai que seguir. Subimos o primeiro chanzo, o máis difícil, é verdade; pero quédannos aínda outros por superar ata que, a primeiros do ano que vén, vexamos o dominio operativo. Temos que esperar a asinar o contrato de delegación do dominio coa ICANN, e isto tardará aínda varios meses de procesos administrativos e técnicos, tempo que temos que aproveitar para ir planificando outros aspectos fundamentais da posta en marcha do dominio: ir pensando no prezo dos dominios, deseñar unha campaña publicitaria destinada aos distintos sectores para facerlles ver a conveniencia de ter un dominio .gal, ir traballando na lista de nomes problemáticos que deben ser excluídos como nomes de dominios, ir planificando o proceso das reservas prioritarias (o período de sunrise).

Antes de abrir o rexistro de identificadores ao público en xeral, todos os novos dominios están obrigados a establecer un período previo para que certos colectivos teñan acceso prioritario. Xa que .gal é un identificador pensado para estimular o uso do galego nas novas tecnoloxías, as entidades públicas e que traballen a prol do idioma terán prioridade á hora de rexistrar os seus nomes, así como aqueles propietarios de marcas rexistradas con validez en Galicia.

A ICANN obriga tamén a garantir o acceso prioritario a outros colectivos como, por exemplo, os propietarios de marcas internacionais que se inscriban nunha base de datos especial xestionada pola propia ICANN, coñecida como Trademark Clearinghouse. Todos os novos dominios estarán obrigados a reservar 30 días nos que os inscritos nesta base de datos poderán facerse cos identificadores das súas marcas antes de que estean dispoñíbles para o público en xeral.

Será só, despois desta etapa de acceso restrinxido, cando a Asociación puntoGAL abra o período no que os novos dominios estarán dispoñíbles para todo o público en xeral.

Agora toca gozar desde momento, toca esperar, e toca seguir traballando para ter o dominio operativo no prazo máis curto de tempo posible. Reitero o meu agradecemento ao conxunto da sociedade galega, que tomou esta iniciativa con entusiasmo practicamente unánime. Hoxe é un día feliz para Galicia, para a nosa lingua e para a nosa cultura.

Manuel González González
Presidente de PUNTOGAL

Parte da directiva de puntoGAL e do seu equipo administrativo durante a presentación da aprobación do dominio no Instituto de Ensino Secundario público Rosalía de Castro
Manuel González, presidente de puntoGAL, na rolda de prensa de presentación da aprobación do dominio no Instituto de Ensino Secundario público Rosalía de Castro
Imprimir Enviar páxina

© Asociación Puntogal