Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

A CANDIDATURA GALEGA, QUE SERÁ AVALIADA ESTE VERÁN, LEVA ANOS COLABORANDO CON .BZH, .SCOT, .CAT e .EUS

PuntoGAL felicita a .bzh pola aprobación do dominio para o bretón

15/05/2012 A Asociación puntoGAL, que promove un dominio de Internet para a lingua e cultura galega, felicita á Association www.bzh. A ICANN, o organismo que goberna as direcións de Internet, acaba de aprobar a avaliación inicial da candidatura dun dominio para a lingua e cultura bretonas, remitida pola Association www.bzh.  De acordo aos calendarios publicados por ICANN, puntoGAL estima que a súa candidatura será avaliada durante este verán.

A orde pola que ICANN vai publicando os resultados foi determinada por un sorteo. Entre o total de 1.917 candidaturas, .gal obtivo no sorteo o posto 742 e .bzh o posto 204. Por iso ICANN xa publicou a avaliación á proposta bretona mentres que a galega será publicada nos vindeiros meses. Puntogal é moderadamente optimista sobre o resultado da súa avaliación.

puntoGAL e pointBZH levan varios anos colaborando nunha asociación chamada European Cultural and Lingüsitic Domains (ECLID). O obxectivo de ECLID é promover os dominios de internet ao servizo das comunidades culturais e lingüísticas de Europa.

Nesta iniciativa tamén colaboran outros dous candidatos, o escocés .scot e vasco .eus. En ECLID participa ademáis a Fundació puntCAT, a operadora do .cat, único dominio lingüístico en funcionamento. ICANN aprobou o .cat na quenda anterior de recepción de candidaturas, quenda organizada hai máis de sete anos.  Dende 2006 o .cat logrou rexistrar máis de 65.000 dominios, demostrando a viabilidade económica dos dominios culturais e lingüísticos.

A Asociación puntoGAL desexa que todos os compañeiros en ECLID superen o examen da ICANN, o que permitirá facer máis visibles as nosas linguas e culturas na rede.

© Asociación Puntogal