Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

ICANN XA ABRIU A SOLICITUDE DE ALTA NUNHA BASE DE DATOS PARA PROTEXER OS DEREITOS DOS PROPIETARIOS DE MARCAS

O proceso para rexistrar .gal terá varias fases cunhas normas públicas e transparentes para fomentar o galego na Rede

13/05/2013 A Asociación puntoGAL estima que a ICANN, o ente que goberna as direccións de Internet, publicará a Avaliación Inicial da súa candidatura este verán. De superar o exame, os dominios .gal poderanse comezar a solicitar nun proceso organizado en varias fases que se iniciaría cara final deste ano.  A Asociación puntoGAL destaca que as fases para o rexistro dos dominios estableceranse da acordo a un procedemento claro -cunhas normas públicas e transparentes- para cumplir co principal obxectivo do .gal, que é fomentar o galego na Internet. Ademais, este proceso cumplirá tamén coas normas fixadas pola propia ICANN para todos os novos dominios.

Así, antes de abrir o rexistro de identificadores ao público en xeral, todos os novos dominios están obrigados a organizar un periodo previo para que certos colectivos teñan acceso prioritario.  Xa que puntoGAL é un identificador pensado para estimular o uso do galego nas novas tecnoloxías, as entidades públicas e que traballen a prol do idioma terán prioridade á hora de rexistrar os seus nomes , así como aqueles propietarios de marcas rexistradas con validez en Galicia.

Posteriormente noutra fase, a ICANN obriga a garantizar acceso prioritario a outros colectivos como, por exemplo, os propietarios de marcas a nivel internacional que se inscriban nunha base de datos especial xestionada pola propia ICANN. puntoGAL informa que a inscripción nesta base de datos, coñecida como Trademark Clearinghouse, xa está en marcha.

Unha das vantaxes para os que se inscriban é que todos os novos dominios  estarán obrigados a reservar  30 días nos que os inscritos na Trademark Clearing House poderán facerse cos identificadores das súas marcas antes de que estean dispoñíbeis para o público en xeral. Máis información sobre o funcionamento Trademark Clearinghouse na web da ICANN.

Unha vez superado os períodos de acceso restrinxido, a Asociación puntoGAL abrirá un período no que os novos dominios estarán dispoñíbeis para  todo o público en xeral.

Sen ánimo de lucro
Cómpre lembrar que o .gal ten como obxectivo promocionar á comunidade lingüística e cultural galegas. Polo tanto, todos os sitios que empreguen o galego ou fomenten a comunidade galega e a súa cultura poderán solicitar o rexistro do identificador.

Todos os beneficios que reporten os rexistros irán ao mantemento do propio identificador e a fomentar o galego nas novas tecnoloxías, pois puntoGAL é unha entidade sen ánimo de lucro.

© Asociación Puntogal