Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

O GOBERNO GALEGO APORTA 9.000 EUROS ESTE ANO AO .GAL

puntoGAL e a AMTEGA colaboran na recta final para a consecución do dominio de Internet para o galego

08/05/2013 O presidente da Asociación puntoGal, Manuel González, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e  asinaron esta mañá un convenio de colaboración para promover a candidatura do dominio .gal. O Goberno Galego achega este ano 9.000 euros a puntoGAL para financiar os últimos trámites e xestións relativas á candidatura, que pode ser aprobada nos vindeiros meses.

A Asociación prevé que a International Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN) -o ente que goberna as direccións de Internet- publique a avaliación do .gal este verán. puntoGAL é moderadamente optimista sobre a posibilidade de aprobar ese exame. Polo tanto, puntoGAL estima que cara final de ano podería dar os pasos para incorporar o identificador á Rede.

No acto de hoxe Manuel González destacou que "a probable próxima consecución do .gal é un logro da sociedade galega no seu conxunto". O presidente de puntoGAL explica que foi o apoio de máis de 110 institucións de todos o espectros sociais e máis de 13.700 cidadáns o que permitiu que puntoGAL estea en condicións de superar o exame da ICANN.

O obxectivo do .gal é ser 100% autosuficiente

Manuel González agradeceu o apoio da Amtega e destacou que o obxectivo do .gal é ser plenamente autosuficiente unha vez que funcione o rexistro. A Asociación puntoGAL é unha organización sen ánimo de lucro e reinvestirá todos os beneficios do .gal en fomentar o galego nas novas tecnoloxías.

O .gal servirá tamén -apuntou o presidente da Asociación puntoGAL- para que parte do diñeiro que hoxe invisten os galegos en rexistrar dominios non marche fóra do país. Ademais, o galego aumentará o seu prestixio na Rede ao dispor dun identificador de máximo nivel, favorecendo a divulgación da cultura galega e a comercialización dos produtos culturais elaborados en Galicia.

Reinvestir en programas de fomento do galego na Rede

PuntoGal será unha iniciativa que se autofinanciará. A Asociación comprometeuse diante da ICANN a que, unha vez consolidado o proxecto, se reinvistan todos os beneficios en programas que fomenten o galego nas novas tecnoloxías. Así o fai xa a Fundació puntCat coa súa Obra Social dende hai tres anos.

O .cat, para a lingua e cultura catalás, logrou rexistrar máis de 65.000 identificadores dende a súa aprobación hai sete anos, o que pon de manifesto a viabilidade dos dominios lingüísiticos.

Agradecemento a AMTEGA

A Administración autonómica vén apoiando institucional e financeiramente esta iniciativa dende o seu nacemento en 2006. O presidente de puntoGAL agradeceu na rolda de prensa deste martes o apoio da AMTEGA.

Pola súa banda, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, recordou que o obxectivo deste proxecto é que Galicia teña proxección no mundo dixital cun dominio propio, que permita localizar os contidos e a información cultural sobre a Comunidade dun xeito máis fácil e promover a publicación de novos contidos dixitais no noso idioma.

Mar Pereira destacou a repercusión económica e cultural que reportará ás empresas e á Comunidade contar cun dominio propio en Internet. Neste sentido, indicou que para que as empresas que comercialicen na Rede produtos en galego (como tradutores automáticos, medios de comunicación etc) ou relacionados con Galicia (servizos turísticos, produtos culturais, gastronomía, enoloxía etc.) ao facelo a través de .gal poderán destacarlle dende o primeiro momento a proximidade física ao cliente, ou a súa especialización no mercado ou nos produtos galegos. Isto axudará a aumentar os ingresos das empresas que aposten polos produtos en galego ou relacionados coa cultura galega, explicou Pereira.

Apoios á Asociación PuntoGal

A Asociación PuntoGal é unha iniciativa sen ánimo de lucro que, constituída co obxectivo de conseguir a creación do dominio .gal en internet, vén realizando nos últimos anos todos os trámites precisos para acadar este obxectivo ante o organismo competente, o ICANN.

En total son máis de 110 as entidades adheridas a PuntoGal, incluídas as principais institucións culturais (Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega etc.) e educativas (Universidade de Santiago, Universidade de Vigo, Universidade da Coruña etc) e os principais centros de investigación tecnolóxicas até ducias de pequenas asociacións cuturais e profesionais, xunto con máis de 20 centros de emigrantes noutras comunidades autónomas e noutros países como Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, A Arxentina, Os Estados Unidos, O Uruguai e O Brasil.

© Asociación Puntogal