Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

ARTIGO DO PRESIDENTE DE PUNTOGAL EN CÓDIGO CERO

Entre todos podemos lograr o .gal

16/09/2011 www.codigocero.gal, www.google.gal, www.wikipedia.gal, etc. Con moito esforzo e un chisco de sorte, poderemos comezar a utilizar estes enderezos dentro de pouco tempo. A ICANN, a entidade que goberna os dominios da Rede, abriu por fin o prazo para presentar candidaturas a novos identificadores de primeiro nivel. Dende o 13 de xaneiro do vindeiro ano poderemos remitir a proposta para un dominio propio para a lingua e a cultura galegas!

Digo con moito esforzo e cun chisco de sorte porque non vai ser doado lograr o .gal. É certo que case calquera poderá solicitar un dominio, pero solicitalo sen asegurar o apoio global da comunidade, sen ter coñecementos técnicos, sen contar coa experiencia no complexo mundo da ICANN e, dende logo, sen resursos económicos, equivale a tirar ao lixo 185.000 dólares americanos.

A ICANN cobra esta importante cantidade unicamente por admitir unha candidatura para a súa avaliación. Afortunadamente, a Asociación Puntogal conta coa total colaboración da Xunta de Galicia para reunir este diñeiro. O Goberno Galego está a facer un esforzo especial nestes tempos de crise para que o galego teña unha oportunidade para colocarse na primeira liña de saída da carreira dos novos dominios. Sirvan estas liñas tamén como agradecemento ao compromiso mostrado en todo este tempo pola Secretaría Xeral de Modernización Tecnolóxica en apoio ao Puntogal, unha iniciativa que logrou sumar o consenso dos tres grupos con representación no Parlamento de Galicia.

Os medios internacionais especializados na florecente industria de nomes de dominio, que están a aumentar malia a crise, estiman que a ICANN suspenderá case o 70% dos candidatos. Unha premisa imprescindible é demostrarlles aos auditores deste organismo internacional que o dominio representa en realidade a comunidade á que vai destinado. Por exemplo, non ten ningún sentido pagar 185.000 dólares para solicitar un dominio .futbol sen asegurar o apoio dos miles de colectivos de fans, xogadores, clubs e árbitros que participan neste deporte. Abonda con que unha pequena parte da comunidade, por exemplo os xuíces de liña de Luxemburgo, se opoñan para que a aprobación dun hipotético .futbol, primeiro, se dilate ata en 18 meses e, posteriormente, se impida o seu nacemento e se perda todo o investido.

Neste eido a Asociación Puntogal ten os deberes feitos. Máis de 12.200 persoas xa asinaron en liña a prol do dominio. Malia que o Puntogal adoptou un perfil baixo de comunicación ante os sucesivos atrasos da ICANN para cumprir os seus propios calendarios, cada semana son ducias os internautas que se apuntan en puntogal.org. Ademais, a Asociación está formada por un amplísimo espectro de entidades da cultura galega. As tres universidades, a CRTVG, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura , A Mesa pola Normalización ou o propio Código Cero son só algúns dos 108 membros da Asociación. Puntogal conta tamén con apoios de varias ducias de centros galegos na emigración, que  participan no colectivo.
Servir de vínculo á diáspora galega na Rede será precisamente unha das vantaxes concretas do .gal. Ademais, ter un identificador propio permitirá que os contidos en galego sexan máis doados de atopar en xigantes como Google, ou que poidamos clasificar moito máis rapidamente todo o relacionado coa nosa lingua e a nosa cultura.

O obxectivo básico do Puntogal é servir a difusión do galego, dun modo autosuficiente e sen ánimo de lucro. Pretendemos que os beneficios económicos que esperamos que dea o dominio propio despois duns anos reverta na comunidade lingüístico-cultural galega. Así, os cartos que gasten as multinacionais en rexistrar as súas marcas (cocacola.gal, pepsi.gal, etc.) poderán servir para financiar proxectos para mellorar a presenza do galego na Rede. Isto é o que fai xa a Fundació Puntcat. Cos seus beneficios, o exitoso .cat, o único dominio aprobado para unha comunidade lingüística, reparte cada ano premios entre os que fomentan o catalán na rede.

Por último, un consello. A medida que se achegue o 13 de abril (data na que está previsto que a ICANN peche o prazo para recibir propostas) comezarán a agromar servizos de pre-rexistro de dubidosa fiabilidade. O seu obxectivo será cobrar a cambio de algo imposible, "reservar" enderezos como, por exemplo, cocacola.shop, vigo.futbol ou starbucks.gal. O sentido común dinos que é mellor ignorar estas ofertas. Como xa explicamos, ninguén pode garantir que a ICANN aprobará unha determinada proposta. Ademais, unha vez aprobado o exame haberá obrigatoriamente períodos especiais nos que os propietarios de marcas e as administracións públicas poderán exercer o seu dereito preferente sobre as súas marcas, nomes de cidade, etc.

En definitiva, o xuíz xa deu a saída dun concorrido maratón. A carreira para lograr o .gal será longa e estará repleta de fortes pendentes, algunhas tan empinadas que hoxe parecen difíciles de escalar para unha comunidade pequena como a nosa. Non obstante, coa colaboración e o esforzo de todos os galegos lograremos estar entre o reducido grupo que chegará á meta. Calquera pode colaborar asinando dende puntogal.org ou difundindo os nosos anuncios na web. A nosa lingua ocupará así un lugar de máximo nivel no ciberespazo.

Artigo de opinión de Manuel González, presidente da Asociación Puntogal, no número de setembro de 2011 da revista Código Cero.

© Asociación Puntogal