Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

A ICANN APROBA O LANZAMENTO DE CANDIDATURAS

O .gal prevé presentar a súa candidatura a comezos de 2012

20/06/2011 A Asociación Puntogal é prudente respecto aos prazos anunciados pola ICANN, pero xa traballa para ter lista a súa proposta a inicios do próximo ano.

A ICANN, o ente que organiza as direccións de internet, aprobou este luns o lanzamento do proceso de candidaturas para novos dominios. Isto significa que probablemente o Puntogal (.gal), o dominio para a lingua e cultura galega, poderá presentarse a exame no primeiro cuadrimestre de 2012.

“Este é un dos maiores cambios da historia de internet” declarou hoxe o presidente da ICANN Rod Beckstrom na inauguración da 41º Reunión Pública da corporación en Singapur. Beckstrom destacou que a “histórica resolución” convirte a este encontro nunha “reunión especial”, pois a ICANN leva redactando as regras que rexerán estes exames dende 2005.

A ICANN aprobou que “o prazo para a presentación de candidaturas abrirá o 12 de xaneiro de 2012 e pechará o 12 de abril de 2012”. A Asociación Puntogal prevé remitir a candidatura para o .gal nese período.

Prudencia respecto ás datas

O proceso de novas candidaturas xa comezou co lanzamento da campaña de comunicación da ICANN hoxe mesmo nunha rolda de prensa posterior a aprobación a resolución.

En todo caso, a Asociación Puntogal quere ser moi prudente respecto aos prazos publicados pola ICANN. Esta institución ten un amplo historial de non ser quen de cumprir as súas propias datas para o lanzamento de novos dominios xenéricos de primeiro nivel (GTLDs en inglés). A resolución aprobada hoxe en Singapur marca un antes e un despois. Por vez primeira fixa un día concreto para remitir candidaturas. Con todo, a experiencia apunta que é imposible asegurar ao 100% que a ICANN cumpra o calendario votado hoxe.

A Asociación Puntogal leva anos traballando para poder cumprir os duros requisitos técnicos, económicos e de representación da comunidade que esixe a ICANN. Puntogal aproveitará os meses que quedan para a apertura de candidaturas para completar este traballo, comezado en 2006, e así poder superar o difícil exame da ICANN.

Quen apoia e para que servirá o Puntogal?

Puntogal agradece especialmente o apoio das máis de 12.000 persoas que xa asinaron a prol dun identificador propio para a lingua galega. 

A Asociación está formada por 108 entidades, entre outras, as tres universidades galegas, a Real Academia e o Consello da Cultura. Dende o comezo o .gal conta co soporte da Xunta de Galicia e tamén recibiu o apoio dos tres grupos do Parlamento de Galicia.

De lograr o novo dominio, a lingua galega disporía dun identificador de seu no primeiro nivel das direccións de internet. O  .gal permitiría localizar máis doadamente as páxinas web escritas na nosa lingua, contribuíndo ao aumento da presencia do galego no ciberespazo, como xa logrou o .cat coa lingua e cultura cataláns.  Igualmente, servirá como vínculo con todos os galegos da emigración.

A última ronda de candidaturas para dominios xenéricos  foi en 2004. Na actualidade existen 22 dominios xenéricos de primeiro nivel (.com, .org, etc.) dos cales só hai un, o .cat, para unha comunidade lingüística.

© Asociación Puntogal