Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

ARTIGO DE OPINIÓN DE JHONNY DU, VICEPRESIDENTE DE STABLETONE

O tempo para atrasar os novos dominios acabouse

08/11/2010 As próximas semanas, previas á reunión da ICANN en Cartaxena de Indias, poden ser claves para que esta organización demostre que é críbel e capaz de gobernar o sistema de nomes de dominios (DNS).

Despois de dous anos de atrasos, decenas de miles de correos electrónicos, semanas de acaloradas discusións cara a cara e moitos millóns de quilómetros de voos; chegou o intre de que a ICANN finalmente tome unha decisión sobre a nova política de creación de dominios de primeiro nivel (gTLDs) e fixe unha data para a apertura da primeira convocatoria de candidaturas.

En 2007, cando a Organización para o Apoio de Nomes Xenéricos (GNSO) tomou por consenso a decisión de que eran desexábeis novos dominios de primeiro nivel, o seu primeiro principio (que recibiu o apoio de todos os entes) foi que “os novos dominios de primeiro nivel deben ser lanzados dun xeito ordenado, rápido e predecíbel”. A idea de que os ovos dominios deberían ser lanzados “rápido” foi reflectida máis tarde pola propia ICANN cando, despois de nove meses de xestación, a súa Xunta adoptou as recomendacións do GNSO e anunciou ao mundo que a presentación de candidatos comezaría no segundo cuadrimestre de 2009.

Lamentablemente, coa vantaxe de xulgar a posteriori, esa data, segundo cuadrimestre de 2009, resultou ser demasiado optimista. Un ano despois, tras numerosos comentarios e borradores en torno dúas versións da Guía para Candidatos, a ICANN dixo que as candidaturas comezarían a recibirse “no primeiro cuadrimestre de 2010”. Esa data límite non se cumpriu, e despois de Nairobi a ICANN parece que se retirou do negocio da adiviñación. Dende entón, a ICANN informou de xeito escaso á comunidade que agarda pacientemente; e non houbo máis datas límites nin calendarios probábeis para a publicación da Guía de Candidatos (DAG), deixando ás candidaturas no limbo.

Moitos candidatos de tipo comercial, con plans de negocios sólidos e previsións cribles xuntaran cartos, contrataran técnicos e investiran nos seus negocios dende que a ICANN anunciou por vez primeira o programa de gTLDs. Os atrasos causaron xa prexuízos significativos a estes candidatos. Abonda ler con atención os numerosos comentarios enviados sobre a cuarta versión do DAG para darse conta de que até que punto existe frustración. Prexudicouse ao sustento económico de moitos candidatos, pero non son unicamente empresas e dominios orientados comercialmente os que están sendo afectados por estes atrasos aparentemente interminábeis.

Candidaturas máis pequenas, incluídas as culturais, xeográficas e lingüísticas, están sendo prexudicadas. Moitos destes candidatos teñen que presentar contas ante entidades gubernamentais, e agora teñen que andar explicando que a súa proposta de dominio non pode ser aínda presentada por culpa de discusións que escapan do seu control e que se cadra nin sequera son importantes para o seu modelo. Nalgús casos, as candidaturas xeográficas xa se aseguraron o apoio dos seus gobernos locais, nacionais e incluso continentais! Creouse un paradoxo, pois o ritmo de toma de decisións da ICANN resultou ser máis lento que o de institucións ao 'vello estilo' pre-internet. Canto máis se atrase o proceso para os gTLDS, máis tempo estarán sen representación no DNS comunidades culturais e xeográficas.

Isto é especialmente relevante ante a crecente demanda global de nomes de dominios. Cómpre aplaudir a ICANN polo seu traballo marabilloso ao incorporar o multilingüismo ao DNS a través da delegación de numerosos IDN ccTLDs, permitindo a centros de millóns de persoas que escriben en alfabetos non latinos comunicarse por internet usando todo o tempo as súas propias linguaxes. Así e todo, eses mesmos internautas aínda carecen da posibilidade de expresar as súas identidades en liña en termos non xeográficos.

Tendo en conta todo iso, está claro que non pode haber máis atrasos. É o intre para que o liderado da ICANN tome algunhas decisións importantes e difíciles e deixe que o proceso de presentación de candidaturas comece tan cedo como sexa posíbel.

A Guía para Candidatos (DAG) actual non é perfecta, pero tampouco ten porque selo. É unha tarefa imposíbel teimar nunha Guía perfecta, pois cada organismo da ICANN e cada candidato gustaríalle vela feita a súa medida. Están sobre a mesa visións e opinións incompatíbeis, polo que o mellor que podemos lograr é unha solución pactada e robusta, que teña en conta os puntos de vista de todos os membros da comunidade de internet afectados, que beneficie ao máximo aos internautas e asemade prexudique a canta menos xente mellor.

Algúns con intereses particulares poden seguir teimando que as súas opinións non se escoitaron, pero estas reclamacións non son inxénuas. Calquera parte da comunidade tivo tempo máis que dabondo para presentar críticas e peticións, e que os seus desexos non se inclúan por completo no novo proceso non significa que fosen ignorados. Tamén é evidente que algúns aspectos, como a integración vertical, nunca serán resoltos de xeito satisfactorio para todas as partes. Tratase dunha situación desafortunada, pero a solución pasa por non atrasar máis o proceso mentres a comunidade agarda baténdose a cabeza contra a parede, agardando un consenso total que nunca será posíbel.

Incluso se a ICANN publicase mañá unha Guía para Candidatos que fose aceptábel para todo o mundo e respondese a todas as demandas, a primeira onda de candidaturas provocaría o descubrimento de novos problemas que ninguén sinalara antes. A revisión e mellora do proceso a posteriori da apertura do prazo é inevitábel, incluso desexábel, á marxe do ben que esta escrita a Guía de Candidatos e do apoio que reciba.

Na ICANN é importante que todo o mundo teña a oportunidade de falar. Xa a tiveron. Como a Xunta da ICANN seguramente xa se decatou, pasou o tempo das distraccións e das sorpresas de última hora. Non necesitamos distracións de última hora. É tempo de centrarse, de aplicar liderazgo a esta oportunidade que supuxo dende o prinicipio o proceso de novos gTLDs. A ICANN aínda está a tempo de demostrar que é merecedora de todo o poder que a comunidade de internet depositou nela e que é capaz de xestionar os resortes vitais de Internet.

Artigo de opinión do vicepresidente da compañía StableTone Ltd Jhonny Du, orixinamente publicado no portal Cicled Id

© Asociación Puntogal