Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

Segundo datos da Unión Internacional de Comunicacións

O número de internautas chegará aos dous mil millóns este ano

20/10/2010 O número de usuarios de Internet excederá os dous mil millóns este ano e aproximarase a un terzo da poboación mundial, segundo a Unión Internacional de Telecomunicacións (ITU), informa Reuters a través de El Mundo.

Aínda así, os países en desenvolvemento aínda deben incrementar o acceso á que é unha ferramenta vital para o crecemento económico.

Segundo a ITU, a axencia da ONU para os asuntos relativos á tecnoloxía da información e a comunicación, o número de usuarios dobrouse nos últimos cinco anos. Ademais, o organismo tamén explica nun informe que dos 226 millóns de novos usuarios rexistrados este ano, 162 millóns proveñen de países en desenvolvemento, onde a taxa de crecemento é agora maior.

Con todo, a finais de 2010, o 71% dos cidadáns dos países desenvolvidos estarán conectados á Internet, pero nos países en desenvolvemento a cifra só chegará ao 21%.

A ITU cre que é particularmente importante para os países en desenvolvemento fortalecer as conexións de gran velocidade. "A banda ancha é o próximo punto de inflexión, a próxima tecnoloxía realmente transformadora", explicou o secretario xeral da ITU, Hamadoun Toure. "Pode crear empregos, conducir o crecemento e a produtividade e apuntalar a competencia económica a longo prazo".

O acceso varía amplamente segundo a rexión, co 65% dos europeos 'online', por diante do 55% dos americanos e do 9,6% dos africanos ou 21,9% dos residentes nas zonas de Asia e o Pacífico, segundo os datos da ITU.

O acceso a Internet nos colexios, o traballo ou os sitios públicos é básico para os países en desenvolvemento, onde só o 13,5% das persoas teñen acceso á rede no seu fogar, moi por baixo do 65% dos residentes en países desenvolvidos.

Un estudo publicado a semana pasada por outra axencia da ONU mostrou como os teléfonos móbiles son unha tecnoloxía da comunicación moito máis importante que Internet para os cidadáns dos países en desenvolvemento máis pobres.

© Asociación Puntogal