Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

A ICANN avanza no programa de novos dominios xenéricos

28/09/2010 A directiva da ICANN reuniuse en Trondheim (Noreuga) o 24 e 25 de setembro nunhas xornadas centradas no programa de novos dominios xenéricos de primeiro nivel, nas que deron novos pasos no seu traballo para garantir que certas cuestións esencias se tratarán de forma axeitada antes da implementación do programa, informa a ICANN

Entre esas cuestións esenciais destacan a competencia, a defensa do consumidor, a seguridade, a estabilidade, os problemas de abuso malicioso, e a protección dos dereitos.

A expansión do espazo de dominios xenéricos de primeiro nivel
destínase a promover a competencia e a elección do consumidor, e o traballo que está a desenvolver a directiva da ICANN pretende  garantir un proceso de solicitude e avaliación eficaz.

Os debates da directiva tiveron en conta as recentes contribucións e comentarios e, como resultado, deseñáronse as pautas a seguir  na implementación da protección de marcas rexistradas, os termos do novo acordo de rexistro, e as medidas para mitigar as condutas maliciosas e garantir a estabilidade da zona de raíz. As resolucións indican que moitas cuestións importantes foron abordadas, incluíndo a cuestión de protección das marcas, a  de moralidade e da orde pública e da integración vertical.

O presidente Peter Dengate Thrush indicou que "a directiva fixo un progreso considerable sobre as cuestións pendentes e solicitou ao equipo a elaboración de documentos de traballo adicional e unha nova guía de solicitante modificada, para abrila á revisión pública antes da próxima reunión da ICANN en Cartaxena de Indias (Colombia) en decembro de 2010. Os resultados da reunión representan un avance fundamental despois de moitos anos de traballo por parte da comunidade da ICANN, mentres nos preparamos para o debate por parte da comunidade de Internet en Cartagena. "

© Asociación Puntogal