Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

Berners Lee defende a neutralidade de Internet

17/09/2010 O creador da World Wide Web, Tim Berners-Le, destacou, durante a conferencia de Nokia en Londres, a necesidade de manter a neutralidade da Rede e de que a poboación teña acceso barato ou gratis a un servizo de Internet básico, por defecto, informa o diario El País.
Berners-Le destacou que un 20% da poboación está conectada a Internet e un 80% dispón de teléfono móbil." Por que esta diferenza?", preguntouse. Os móbiles poden ser unha ferramenta de acceso importante se as compañías non consideran a quen ten un móbil e solicita conexión a Internet como un executivo, multiplicándolla a tarifa telefónica. Esta poboación que ten sinal de móbil non está, porén,  na sociedade da información porque non pode vender os seus produtos en Internet ou incluír na Wikipedia artigos sobre a súa cultura ou país.

Outra das preocupacións mostradas na súa charla foi o mantemento da neutralidade da Rede e as garantías sobre a privacidade dos internautas. A posibilidade de que as operadoras poidan primar a velocidade de acceso a uns sitios en detrimento de outros alteraría o concepto fundacional de Internet. Berners-Le deu varios exemplos do que suporía a vulneración deste principio. Unha operadora cun sitio de descarga comercial de filmes podería facer que te dirixiras  a el penalizando a velocidade de acceso a tendas competidoras. Igualmente podería prexudicar os servizos de chamadas de voz a través de Internet, competidores seus, para que o usuario pense que son deficientes tecnicamente. Os gobernos poderían utilizar este recurso para penalizar sitios contestatarios.

En canto á privacidade insistiu na necesidade de que se empreguen os datos requiridos a unha persoa para o fin polo que foron solicitados e non se aproveite a súa obtención para outros usos. Se un internauta debe dar a súa dirección para recibir un paquete, a compañía de mensaxería non pode empregar este dato con outras intencións.

© Asociación Puntogal