Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

O Comité de Designación da ICANN publicou a lista dos elixidos para cargos directivos

O NomCom da ICANN selecciona tres novos membros para a directiva do organismo

09/09/2010 O Comité de Designación (Nominating Committe -NomCom) da ICANN deste ano 2010 vén de completar a súa selección para sete postos directivos dentro da ICANN cunha lista publicada o pasado 7 de setembro, informa a ICANN.

O presidente do NomCom, Wolfgang Kleinwächter, afirmou que foi un traballo complicado, cunha elección moi difícil entre moitos excelentes candidatos para tan poucos postos. “A selección final, un consenso despois de longas deliberacións do Comité, combina renovación con experiencia dun xeito que consideramos que reforzará a ICANN e cumprirá coas expectativas da comunidade.  Ademais, por vez primeira na historia da ICANN, desde 1998, o Comité elixiu un representante da comunidade de fala árabe para a Directiva, o que salienta a importancia da vindeira internacionalización da ICANN.”

A función principal do NomCom é seleccionar parte da dirección da ICANN asegurando a diversidade da directiva da ICANN, en canto á xeografía, cultura, habilidades, experiencia e perspectiva. Os criterios básicos de selección son integridade, obxectividade, bo xuízo, que poidan apoiar a toma de decisións dentro dos grupos, traballar de xeito eficaz no idioma inglés, comprender a misión e funcionamento da ICANN, comprometidos cos seus obxectivos, experiencia en relacións internacionais, etc.

NomCom avaliou a máis de 80 candidatos, moitos com cualificacións excepcionais, dos que se podían elixir oito. Os seleccionados son os seguintes:


Directiva da ICANN
Cherine Chalaby (Exipto), Bertrand de La Chapelle (Francia) e Erika Mann (Alemaña), en substitución de  Dennis Jennings, Harald Tveit Alvestrand e Jean-Jacques Subrenat.


ALAC  (Comité Asesor “At Large)
Sébastien Bachollet (Francia), Marc Rotenberg (Estados Unidos)



Consello GNSO  (Organización de apoio para nomes xenéricos)

Carlos Aguirre
(Arxentina)



Consello ccNSO   (Organización de apoio para nomes de dominio de código de país)

Sokol Haxhiu (Albania)


Todos eles tomarán posesión do seu cargo ao final da Reunión Xeral Anual da ICANN en Cartaxena (Colombia) o 10 de decembro de 2010.

Máis información do NomCom da ICANN aquí .

© Asociación Puntogal