Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

Segundo datos da plataforma de compra e venda de dominios Sedo

O valor dos dominios na rede aumenta un 54% no segundo trimestre

04/08/2010 O negocio dos dominios de Internet semella non verse afectado pola crise económica, e o prezo e a compra venda de dominios segue medrando, segundo indican os datos do novo estudo trimestral de Sedo, plataforma en liña de operacións comerciais con dominios da rede, informan Efe e Europa Press. 

O valor da compravenda de dominios de Internet creceu un 54% no segundo trimestre do ano, comparado co mesmo período do ano anterior.  En total, de abril a xuño de 2010 vendéronse  11.146 dominios a través desta plataforma internacional por un total de 16,7 millóns de euros, o que situou o prezo medio en 1.506 euros fronte aos 1.382 euros do trimestre anterior.

O ".com" segue a ser o máis vendido cun 74% de todas as vendas e un prezo medio de 1.878 euros, por diante do ".net", cun 12%, e do ".org", cun 7%.
Por países, o alemán ".de" é o máis demandado, acadando un 49% do volume total,  mentres que os dominios de  código de país de España ".es" mantivéronse cun 4% das vendas, cun prezo que aumentou no segundo trimestre do ano un 46% respecto ao mesmo período de 2009 e un 35% en relación ao primeiro trimestre de 2010. Así, o ".es" está por diante das extensións de código de país como Holanda, Francia ou Italia, aínda que por detrás do dominio ".de",  do británico '.co.uk' e do europeo '.eu'.

O prezo medio dos ".es" situouse en 1.280 euros fronte aos 945 euros do trimestre anterior , e en terceiro lugar por detrás do '.fr' de Francia (1.840 euros) e do '.com.uk' de Reino Unido (1.558 euros). O máis caro foi cocina.es que se vendeu por 35.000 euros.

Segundo explica Sedo, malia a crise, a venda de dominios en liña vén de acadar  un novo record, impulsada polo aumento do comercio electrónico, a falta de bos dominios onde aloxar unha páxina web e o aumento crecente de internautas con accesos de alta velocidade que valoran e rendibilizan estes dominios.

Para o director de Sedo en España, Iván Díaz, o comercio de dominios de Internet estabilizouse a un "moi alto nivel". Díaz explicou que o aumento dos prezos medios mostran "claramente" que as empresas invisten cada vez máis en dominios clave e necesarios para os seus negocios online

© Asociación Puntogal