Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

O dominio sex.com de novo á venda

A ICANN aproba a creación do dominio .xxx

05/07/2010 Durante a reunión internacional pública celebrada a finais de xuño en Bruxelas, a directiva da ICANN aprobou a creación do polémico dominio de primeiro nivel esponsorizado .xxx, destinado a webs de contidos pornográficos, facilitando o o filtrado deste tipo de contidos na rede, informa a axencia EFE.

A ICANN  aprobou esta medida "tras prestar moita atención ás indicacións do panel de asesoramento independente, e á gran cantidade de comentarios públicos sobre a proposta", afirmou o director da organización, Peter Dengate, nunha rolda de prensa organizada en Bruxelas.


Esta decisión culmina un proceso de máis de seis anos de "esforzos" por parte da organización promotora do dominio "xxx", que recorda que esta proposta xa foi rexeitada por motivos "incorrectos" por parte da ICANN en 2004, segundo afirma Iffor nun comunicado.

Coa súa proposta, a organización que se presenta como "independente e sen ánimo de lucro" pretende crear "unha etiqueta recoñecible para identificar o que ofrecen as páxinas web", sen necesidade de visitalas. Deste xeito, "tanto os consumidores de entretemento para adultos como os que desexan evitalos terán unha marca identificable, xusto ao final da dirección web", explica Iffor.
A organización tamén propón que para asignar direccións co dominio ".xxx" se teñan en conta as "boas prácticas de negocio", o que "aumentará a confianza e a certidumbre" para aqueles que visiten as páxinas.
Ademais, para as persoas ou familias que queiran restrinxir o acceso a contido "adulto", a nova etiquetaxe permitirá a creación de filtros de forma "máis fácil e fiable" para as páxinas pornográficas.

Para finalizar o proceso de negociación do contrato de xestión do dominio e que este poida chegar a aplicarse, ICANN e Iffor deberán agora chegar a un acordo sobre "os aspectos técnicos e financeiros" do mesmo. Iffor espera que este proceso termine "a comezos de 2011 ou ata antes", e afirma ter unhas 110.000 prereservas para empregar o novo dominio, un número que "aumentará agora que Icann aprobou formalmente a súa aplicación", segundo as súas previsións.

O director da ICANN, pola súa banda, explicou que esta organización só se encargará de coordinar a asignación de dominios, e, "en ningún caso, do control de contidos das páxinas e da súa cualificación" como pornográficas ou non pornográficas, xa que esta tarefa compete ás autoridades nacionais.

 

Sae a poxa o dominio sex.com

Sex.com, considerado polos expertos como o dominio máis coñecido en Internet,  sae de novo á venda segundo informou a firma Sedo, primeira plataforma mundial de compravenda de dominios. "A venda de sex.com ofrece ao novo propietario unha oportunidade de converterse no número un do mercado", agregou nun comunicado Liesbeth Mack-de Boer, á fronte de Sedo e así o recolleu o diario Calgary Herald.

Este páxina web xa cambiara de propietario no ano 2006, cando se vendeu por 12 millóns de dólares.

© Asociación Puntogal