Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

EGANET defende a liberdade de uso da rede no actual debate sobre a súa neutralidade

16/04/2010 A Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías recorda que é unha internet neutral a que permite o desenvolvemento tecnolóxico e a creación de riqueza e emprego ligada ás TIC, informa EGANET.

A Comisión Europea, por boca da súa comisaria de Telecomunicacións, Neelie Kroes, vén de abrirlle as portas á posibilidade de regular o cobro polo emprego de internet, por parte das operadoras de telecomunicacións, aos provedores de contidos. A axenda mediática recolle a nova mediante unha simplificación moi sinxela pero pouco ilustrativa: cobrarlle ou non cobrarlle a Google por usar as redes.

A xuízo das empresas galegas adicadas a internet e ás novas tecnoloxías, agrupadas en EGANET, o debate transcende en moito o feito de que os grandes provedores teñan que pagar cotas. A chegada de internet trouxo consigo o desenvolvemento dunha nova economía baseada no avance imparable das ferramentas de comunicación e no acceso á información. Avance que non cesa, porque os recentes éxitos empresariais están ligados ás novas tecnoloxías e á inventiva de novos modelos de negocio baseados na internet.

Mais o sector TIC que hoxe se erixe en baluarte de resistencia fronte á conxuntura de crise, pola súa achega de valor engadido e creación de emprego cualificado, non sería hoxe a aposta de futuro que é de non ter sido por unha rede neutral, libre de restricións e de discriminacións ao seu uso por parte de empresas e cidadáns. Se internet naceu baixo esa premisa de liberdade, débese neste momento coartar esa liberdade?, débese frear o talento e a capacidade innovadora que posibilita o actual modelo de xestión da rede?, é máis, débese coartar a ferramenta clave para avanzar na democratización da información no mundo?

A xuízo de EGANET, que se dean casos de éxito que superen en beneficio ao dos provedores de rede non debe ser causa da imposicións de peaxes, baixo xustificacións de tráfico excesivo ou como aliciente á mellora da rede, porque acceder a ela non é de balde, como tampouco o é a calidade do acceso nin a capacidade de conexión ou aloxamento dos sitios web. Aínda ben ao contrario, a crecente contratación de servizos de telecomunicacións e a conseguinte multiplicación do negocio das operadoras explícase na conformación dunha rede atractiva en contidos para os usuarios. É dicir, o acceso á rede non lle interesaría ás persoas de non haber contidos aos que acceder. Non cabería, pois, formularse o cobro, pero á inversa? Dos provedores de contidos aos provedores de rede?

EGANET recorda que internet constitúe unha importante oportunidade de creación de riqueza que pode verse afectada de esixírselle unha peaxe á provisión de contidos, peaxe que motivaría a perda de valor non só económico, senón humano. Formular restricións ao uso da rede no contexto europeo, ademais, suporía unha mingua das capacidades competitivas de Europa fronte a outros actores económicos potentes, chámense Estados Unidos, Asia, Brasil, Rusia... O vello continente débese dedicar ao valor engadido e para isto un escenario comunicativo sen restricións é fundamental.

Por último, as empresas que dende Galicia se dedican á internet e ás novas tecnoloxías entenden que non é o momento de xerar novas fendas dixitais cando nin sequera se pechou o debate en torno ao acceso universal aos servizos básicos de telecomunicacións nin cando unha parte importante da poboación segue sen cobertura de acceso a internet.

© Asociación Puntogal