Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

A Comisión Europea debaterá a neutralidade da rede antes do verán

14/04/2010 A Comisión Europea anunciou un debate aberto antes do verán co obxectivo de decidir se é preciso  lexislar sobre cuestións como a demanda dos operadores de telecomunicacións de poder cobrar unha taxa aos buscadores de Internet polo uso da súa rede, informa o xornal El País.

De feito este tema, a neutralidade da Rede, o feito de que se transporten os datos en Internet dede a súa orixe ao seu destino sen tratos diferenciados, está cada día máis cuestionada. A semana pasada, unha sentenza en Estados Unidos rexeitaba que as autoridades federais puidesen impoñela. Francia abriu un debate público de cara a unha lei que pensa aprobar antes do verán, e esta semana é a Comisión Europea quen se ten pronunciado en relación a este asunto.

"A Comisión escoitará a todas as partes interesadas e podo anunciar a miña intención de lanzar unha consulta pública antes do verán para avanzar no debate sobre a neutralidade da rede en Europa", dixo a nova comisaria de Telecomunicacións, Neelie Kroes, durante un discurso en París recollido por Europa Press. Kroes ha segurado que "hai que evitar dar respostas precipitadas antes de examinar coidadosamente os posibles problemas, se os hai, e as solucións máis apropiadas e proporcionadas". "Creo que debemos evitar en particular adoptar medidas innecesarias que poidan dificultar a aparición de novos modelos de negocio eficaces".

A comisaria de Telecomunicacións explicou que moitos operadores lle pediron "a posibilidade de cobrar unha especie de aluguer aos provedores de contidos polo que eles consideran un uso extensivo das súas redes". As empresas de telecomunicacións tamén queren "ofrecer niveis difereciados de servizo aos seus clientes, como xa vemos en moitos mercados con diferentes clases e rutas de viaxe, como avións ou trens", posibilidade á que se opoñen as organizacións de internautas."Esta perspectiva expón unha serie de problemas delicados e complexos que deben ser analizados coidadosamente antes de que a UE dea unha resposta regulatoria", segundo a comisaria de Telecomunicacións, que non se pronunciou claramente a favor ningunha posición.


Ao seu xuízo, calquera solución normativa sobre a neutralidade da rede na UE debe garantir cinco principios. En primeiro lugar, non se debe pór en perigo a liberdade de expresión. Ademais, "a transparencia non é negociable" e os operadores deben estar obrigados a informar aos usuarios dos seus sistemas de xestión de tráfico na rede para que estes os teñan en conta á hora de elixir o seu provedor de Internet. En terceiro lugar, o marco regulador debe estimular os investimentos en novas redes. En cuarto lugar, calquera posible norma debe impedir que a xestión do tráfico en Internet se faga de forma discriminatoria para prexudicar a competidores indesexados, como os que ofrecen servizos de voz a través de Internet (por exemplo, Skype). Finalmente, as medidas de xestión de tráfico deben servir para aumentar os investimentos en novas redes e non para perpetuar as actuais limitacións da rede. 

En España tanto Telefónica como o ministro de Industria, Miguel Sebastián, defenden que  na Unión Europea se estude a creación dunha taxa para os buscadores de Internet polo uso das redes dos operadores de telecomunicacións.

© Asociación Puntogal