Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

A CRTVG celebra o 25 aniversario con dous concursos en Twitter

12/04/2010 A Compañía de Radio Televisión de Galicia, que este ano cumpre 25 anos, vén de convocar, en colaboración coa Secretaría Xeral de Medios, dous concursos relacionados coas comunicación a través da Rede para facer partícipe á cidadanía dos actos conmemorativos deste aniversario, informa Código Cero.

A partir desta semana, a  web da CRTVG e a do Centro Multimedia de Galicia publicarán as bases de participación dos concursos convocados: As grandes frases da dobraxe da Galega e Que está a pasar nas aulas CeMIT con motivo dos 25 anos da CRTVG, nos que poderán participar, sen excepcións, todas aquelas persoas que dispoñan dunha conta en Twitter.
A razón pola que estas entidades escolleron unha rede social para os concursos é porque deste xeito poden promover o uso das novas formas de comunicación que xurdiron en Internet nos últimos anos, en concreto Twitter, empregándoas como medio de comunicación e participación en tempo real.
O concurso As grandes frases da dobraxe da Galega convida ao concursante a propoñer e votar as frases máis coñecidas e orixinais produto da dobraxe ao galego de series ou películas estranxeiras.

Dende o twitter do CMG os responsables da iniciativa animarán á cidadanía a participar votando as frases favoritas e suxerindo outras novas.
No outro concurso,  Que está a pasar nas aulas CeMIT con motivo dos 25 anos da CRTVG, os responsables da iniciativa tratarán de facer partícipes aos asistentes a cada unha das actividades a celebrar nas distintas aulas da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) con motivo dos 25 anos da CRTVG. Todo aquel que queira facer preguntas ou comentarios das distintas actividades poderá facelo emitindo un tweet que quedaría reflectido nas distintas pantallas de cada unha das aulas onde se realiza a actividade.
Cada un dos concursos contará con tres gañadores que poderán conseguir reprodutores blu-ray, discos duros externos ou videocámaras dixitais.

Ademais destes concursos, as aulas dotadas de equipamento avanzado da rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) acollerán do 19 de abril ao 24 de maio unha serie de actividades con motivo da celebración dos 25 anos da CRTVG como exposicións fotográficas e vídeos conmemorativos, ou cursos relacionados co sector audiovisual.


© Asociación Puntogal