Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

Estudan as variantes .bg e .bgr

Enquisa de Bulgaria para decidir o seu dominio en cirílico en Internet

13/01/2010 Bulgaria  recibira hai case dous anos a aprobación da Corporación para a Asignación de Nomes e Números en Internet (ICANN) para rexistrar un dominio web en alfabeto cirílico, e agora pende a súa aprobación deste organismo para rexistrar o dominio ".bg", pero usando caracteres cirílicos, informa EFE.

 

"A preocupación das autoridades búlgaras é que a ICANN podería rexeitar a proposta de Bulgaria co argumento de que visualmente o dominio búlgaro pode parecerse a .br de Brasília e tamén a .bf de Burkina Faso", declarou a Efe un portavoz do ministerio.

Para saír desta confusión, o ministerio inseriu na súa páxina oficial en Internet unha enquisa na que cada usuario pode indicar a súa preferencia para o dominio.

"Un terzo dos votantes inclinouse por ".bg" en letras cirílicas e un 25% dos usuarios preferiu ".bgr", tamén en letra cirílica", apuntaron as fontes, sen precisar o número de votantes, xa que a enquisa segue aberta.

As autoridades búlgaras estudan agora presentar ambas as variantes de dominios, ".bg" e ".bgr", á ICANN para que tome a decisión final sobre esa disxuntiva.

Para Bulgaria, obter a licenza terá un significado adicional, xa que o alfabeto cirílico está recoñecido por Bruxelas como oficial nos documentos comunitarios, xunto co latino e o grego.

Ademais, a poboación e as autoridades valorarían este recoñecemento como un triunfo, xa que fai dous anos Sofía tivo un conflito coa Comisión Europea sobre as futuras emisións da moeda común para que figurase o euro en lingua búlgara como "evro".

© Asociación Puntogal