Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

A ONU advirte que a fenda dixital crece

20/11/2009 Durante as sesións do Foro de Gobernanza de Internet da ONU na localidade exipcia de Sharm o Sheij, analizáronse esta semana distintos aspectos da situación na rede. Baixo o título "A Gobernanza de Internet: Crear oportunidades para todos", representantes de diversos organismos e empresas analizaron temas como a seguridade, a apertura, a privacidade, o acceso, a diversidade ou a xestión dos recursos críticos na rede, informa a axencia EFE.

No seu discurso de apertura, o subsecretario xeral da ONU para Asuntos Económicos e Sociais, Sha Sukang, chamou a atención sobre a fenda dixital que divide a aqueles con acceso a Internet cos que non poden acceder á rede. "A fenda é ampla, especialmente para millóns de africanos e árabes. En 2005,  50% das persoas de países desenvolvidos tiñan acceso a Internet, fronte ao 9% das dos países en desenvolvemento". Hoxe, en 2009, o 70% da poboación do chamado primeiro mundo ten Internet, fronte ao 17% das persoas dos países en vías de desenvolvemento, explicou.

"Cuestións sobre como integrar a todos, mellorar o acceso nas diferentes linguas, isto é o que debemos axustar especialmente de cara aos obxectivos do milenio da ONU para 2015"", engadiu. Pola súa banda, un dos fundadores do portal Yahoo!, Jerry Yang, subliñou a capacidade da rede por comunicar ás comunidades do mundo grazas a "a súa apertura, liberdade de expresión e capacidade de xerar a participación de todos".



O Foro de Gobernanza de Internet foi creado no seo da ONU con motivo do Cume Mundial da Sociedade da Información en 2005. O encontro de Exipto é o cuarto, logo dos celebrados en Atenas (Grecia), Río de Janeiro (Brasil) e Hyderabad (India). Reporteiros sen Fronteiras criticou que se celebre en Exipto por considerar que se trata dun país onde a liberdade en Internet non está garantida.

© Asociación Puntogal