Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

ESTRUTURADO EN CIDADANÍA DIXITAL, ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA E PEMES

O Plan Avanza destinará 1'5 millóns de euros para impulsar a Sociedade da Información en Galicia

18/08/2009 O Plan Avanza 2005-2010 contará este ano cun orzamento total de 1.680.092 euros para impulsar en Galicia a incorporación de toda a sociedade aos novos recursos tecnolóxicos da información, informa sociedadedainformacion.eu.
O Plan Avanza 2005-2010 contará este ano cun orzamento total de 1.680.092 euros para impulsar en Galicia a incorporación de toda a sociedade aos novos recursos tecnolóxicos da información, informa sociedadedainformacion.eu.
A segunda fase do programa, Avanza2, actúa a partir de tres eixos principais: Cidadanía Dixital, Administración Electrónica e PEME Dixital.

O financiamento correspondente a Galicia para o ano 2009 conta cunha achega da Secretaría de Estado de Telecomunicaciones y para la Sociedad de la Información de 1.008.055 e outra de 672.037 euros por parte da Xunta, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. O Plan quere fomentar a demanda e consolidar unha industria TIC especializada en sectores estratéxicos, centrada especialmente na pequena e mediana empresa.

As accións realizadas dentro da liña Cidadanía Dixital abranguen, por unha banda, a incorporación de banda larga en novos fogares, con especial atención ao mundo rural; a implantación de infraestruturas TIC para persoas con necesidades especiais; e a incorporación de solucións tecnolóxicas adaptadas nos centros para persoas en situación de dependencia.  

Por outro lado, ofreceranse servizos de formación e asesoramento sobre Internet nos fogares e formaranse en materia de TIC a axentes de desenvolvemento local para que exerzan como dinamizadores nos centros de acceso público e gratuíto.

En termos de Administración electrónica, Avanza2 mellorará a interacción dos servizos públicos cos cidadáns, sobre todo dos asociados ao comercio electrónico, teleasistencia, servizos relacionados coa cultura, turismo e lecer e servizos orientados a colectivos con necesidades especiais. Modernizarase a xestión internas das administracións local e autonómica, implantaranse aplicacións que faciliten a interoperabilidade entre as mesmas e formarase ao persoal no seu uso e manexo.

PEME Dixital

Neste apartado o convenio pretende a mellora do grao de dixitalización das pequenas e medianas empresas participantes. A meta é aumentar a competitividade e mais a produtividade para empresarios, profesionais e demais axentes do mercado.

Para iso, o Plan en Galicia dará asesoramento personalizado á PEME no uso das TIC, elaborando diagnósticos e plans de mellora. A factura electrónica e os procedementos telemáticos serán especialmente potenciados nas relacións das PEMES coas administracións públicas.

Axudas

O Plan Avanza contempla tamén un apartado de axudas para a organización de eventos a prol da promoción e difusión da sociedade da información en xeral. Trataríase de xornadas, sesións de demostración práctica do uso de Internet, conferencias ou congresos de profesionais especializados.

O Plan busca tamén o desenvolvemento dos contidos dixitais e de produtos e servizos TIC, orientados á construción do denominado Internet do Futuro e a implantación das infraestruturas para lograr a transición á Televisión Dixital Terrestre (TDT), entre outros. Ademais quérese contribuír a incrementar os contidos relacionados coa lingua e a cultura propia de Galicia.

Por último, existe tamén unha liña específica de colaboración cos colexios profesionais galegos para os mesmos fins, así como axudas para as empresas que fagan investimentos en tecnoloxías da información e a comunicación.

© Asociación Puntogal