Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

ESTES DOMINIOS ESTÁN DISPOÑIBLES NOS ALFABETOS CIRÍLICO E GREGO

Xa se pode utilizar o "ñ" nos dominios .eu

30/06/2009  A Comisión Europea decidiu modificar a lexislación comunitaria para que os internautas poidan utilizar plenamente as 23 linguas oficiais da UE na Rede, informa Europa Press.

 

Deste xeito, a letra 'ñ', o acento ortográfico ou as diéresis poderán formar parte nos próximos meses do nome dun dominio .eu. Igualmente, búlgaros, gregos e chipriotas poderán empregar o alfabeto cirílico e grego neste tipo de dominios.

Ata agora, os nomes rexistrados baixo o dominio .eu só podían constar dos caracteres de "a" a "z", dos díxitos do ''0'' ao ''9'' e do signo ''-''. Iso supuña, por exemplo, que os checos só podían usar 27 de 42 caracteres e os lituanos, 23 de 32.

No futuro, será posible rexistrar nomes con caracteres  como ''ñ'', ''ç'', ''à'', ''a'', ''ä'', ''?'' ou ''?'' baixo o dominio .eu. Os cidadáns e as empresas da UE poderán rexistrar nomes de dominio en alfabetos distintos ao latino, o que resulta fundamental para linguas como o grego e o búlgaro. Na actualidade, Bulgaria presenta a cifra máis baixa de dominios .eu rexistrados, con 9.578.

"É lóxico que se permita que os nomes de dominio elixidos polos europeos sexan tan diversos como a mesma Europa, polo que decidimos que o .eu debe estar dispoñible en todos os alfabetos utilizados nos Estados membros e con todos os caracteres das 23 linguas oficiais da Unión Europea", destacou a comisaria responsable de Sociedade da Información, Viviane Reding, nun comunicado.

O número de nomes de dominio .eu rexistrados sitúase actualmente nuns 3 millóns, e creceu o 11% tanto en 2007 como en 2008. Iso contribuíu á rebaixa dos custos de rexistro de 10 a 5 euros en 2007, e a 4 euros en 2008. O .eu está a crecer con especial rapidez na Europa do leste, cun aumento do número de dominios cifrado no 149 % en Polonia entre 2006 e 2008 e no 142 % en Lituania.

O .eu converteuse no cuarto dominio territorial de primeiro nivel máis popular de Europa, tras os de Alemaña (.de), o Reino Unido (.uk) e os Países Baixos (.nl). E é o noveno dominio máis utilizado de todo o mundo. Os países con máis dominios rexistrados son Alemaña, Países Baixos, Reino Unido, Francia, Polonia e Italia. España ocupa a undécima posición con 70.390 nomes de dominio rexistrados.

© Asociación Puntogal