Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

TERÁ LUGAR DO 21 A0 26 DE XUÑO EN SYDNEY

Comeza a 35ª Reunión Internacional da ICANN

19/06/2009 A partir do vindeiro 21 de xuño a cidade de Sydney acollerá o 35º encontro internacional da ICANN no que se abordarán diversos temas vencellados á organización e regulamento da Internet.

Entre o 21 e o 26 de xuños, as preto de mil persoas inscritas na reunión poderán coñecer con máis detalle os seguintes pasos a dar no proceso de creación de novos dominios, na gobernanza da Internet e noutras políticas vencelladas á rede de redes e que están reguladas pola ICANN.

En relación ao proceso de solicitude de novos dominios xenéricos, os representantes da ICANN darán a coñecer os últimos avances neste sentido. Discutirán aspectos operativos, técnicos e de negocio necesarios para xestionar un rexistro, e terán especial importancia as discusións en torno ás cuestións que están a atrasar a apertura do proceso para solicitar un novo dominio xenérico. Por iso, a ICANN ten previsto organizar pequenos debates para atopar mecanismos que aseguren a protección de dereitos intelectuais no proceso de novos dominios, ademais de informar sobre o traballo feito para identifiar e mitigar as conductas maliciosas que poderían aparecer coa ampliación dos nomes de dominio.

Estas discusións prolongaranse ata o mes de agosto, con diversas reunións específicas organizadas pola ICANN  para poder avanzar na elaboración da guía final para solicitantes de novos dominio. Estas pequenas xuntanzas terán lugar nos meses de xullo e agosto en diversas cidades, entre elas Londres, Hong Kong e Nova York.

 

A ICANN espera poder recibir as primeiras solicitudes de novos dominios xenéricos no primeiro trimestre do 2010, o que  podería supoñer a apertura do proceso nestas datas.

© Asociación Puntogal