Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

A WEB ESTÁ DISPOÑIBLE EN GALEGO, ESPAÑOL E INGLÉS

A Asociación PuntoGal renova a súa páxina web

10/06/2009 A Asociación PuntoGal, que ten por obxectivo conseguir un dominio propio para a cultura e lingua galegas, vén de estrear a súa nova web no 3º aniversario da súa constitución.

 O renovado portal, cun deseño innovador e de fácil lectura e navegabilidade, distribúe a información en tres grandes bloques. O primeiro deles, Noticias, recolle toda a información de actualidade relacionada co traballo desta entidade e coa súa acción de cara a consecución do .gal. Estrutúrase en diversas seccións, entre elas a de Subscrición, que ofrece a posibilidade de recibir regularmente a través do correo electrónico un boletín coas últimas actualizacións que se teñan producido na web.

No segundo bloque, Información, agrúpanse contidos que a Asociación PuntoGal considera que debe difundir para un mellor coñecemento dos seus obxectivos e do proceso de consecución de novos dominios en Internet.

O terceiro destes espazos, Apoíanos, contén os listados dos apoios recibidos por PuntoGal. A diferencia da anterior, a nova páxina achega datos das entidades que se teñan sumado ata o momento, cunha mellor visualización das mesmas,  e permite localizar dun xeito máis doado as persoas que asinaron polo PuntoGal.

Ademais, o portal conta cun apartado no que salienta as vantaxes que a consecución do PuntoGal ten para as empresas, asociacións, institucións galegas, así como para os usuarios da rede a nivel individual.

A web está dispoñible nos idiomas galego, español e inglés, aínda que a versión nesta última lingua aínda se está actualizar.


Solicitude de novos dominios xenéricos

Un comunicado emitido recentemente pola ICANN –organismo que regula Internet a nivel internacional- informa do proceso de discusión que se está levando a cabo actualmente en relación ás cuestións que están a dificultar a apertura do proceso de solicitude de novos dominios, entre elas a protección de marcas e a seguridade da rede.  Estas discusións prolongaranse ata o final do verán.

A ICANN espera poder recibir as primeiras solicitudes de novos dominios xenéricos no primeiro trimestre do 2010, o que  podería supoñer a apertura do proceso nestas datas.

© Asociación Puntogal