Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

REDING DEFENDE UNHA ICANN TOTALMENTE PRIVADA E RESPONSABLE

A Comisión Europea pide á ICANN máis transparencia

05/05/2009 Nun vídeo publicado onte na súa web, a comisaria europea de Sociedade da Información, Viviane Reding, esixiu máis transparencia e responsabilidade na gobernanza da Internet a partir do 1 de outubro de 2009.
As decisións clave relacionadas coa gobernanza de Internet, tales como a creación de novos dominios de primeiro nivel ou a xestión do sistema de enderezos de Internet, son tomadas pola ICANN (Internet Corporation for Assigned Names and Numbers), unha corporación privada sen ánimo de lucro con sede en California. Ata o momento, ICANN vén traballando baixo un acordo co Departamento de Comercio dos Estados Unidos, acordo que finalizará o 30 de setembro deste ano.

Reding presentou as principais características do novo modelo de gobernanza da rede que se debería seguir a partir do 1 de outubro do 2009. Este incluiría unha ICANN “totalmente privada e responsable”, acompañada dun corpo xudicial independente, así como dos “G12 para a Gobernanza de Internet”, un foro multilateral no que os gobernos discutirán políticas xerais sobre Internet e asuntos de seguridade da rede.Segundo a prposta de Reding, este órgano contaría con doce membros: dous de América do Norte, dous de América do Sur, dous de Europa, dous de África e tres de Asia e Australia, ademais do presidente da ICANN, que non tería dereito a voto. As organizacións internacionais con autoridade na materia poderían participar como observadores.
 
“Creo que o presidente Obama, terá o valor, a sabedoría e o respecto pola natureza global de internet como para abrir o camiño en setembro a unha nova forma de gobernación de internet máis responsable, transparente, democrática e multilateral", destacou Reding na súa mensaxe. “Chegou o momento de actuar. E Europa estará desposta a apoiar os esforzos do  Presidente Obama”.

A comisaria tamén considerou que, a longo prazo, non está xustificado que un departamento gobernamental dun só país xestione unha función de internet que utilizan centos de millóns de persoas en todo o mundo.

En concreto, Reding defendeu unha ICANN "totalmente privatizada e independente" que cumpra cos "mellores estándares" de gobernación corporativa, en particular coa transparencia financeira e a responsabilidade interna de xestión, e que estea suxeita a unha "revisión xurídica eficaz".

O vindeiro 6 de maio terá lugar na Comisión Europea a primeira audiencia pública en Bruselas na que se  lle dará á oportunidade á Comunidade de Internet de Europa de facer oir as súas expectativas sobre o futuro da Gobernanza da Internet.

© Asociación Puntogal