Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

TWOMEY REFERIUSE NA ENTREVISTA ÁS RECENTES DECLARACIÓNS DA COMISARIA EUROPEA VIVIANE REDING

Twomey: "O mundo cambiará o futuro da ICANN"

12/05/2009
Nunha entrevista ao San Francisco Chronicle, Twomey, Presidente e CEO da ICANN, fala sobre os próximos cambios na Internet e menciona a iniciativa galega como unha das solicitudes que se presentarán ao proceso de creación de novos dominios.
O australiano Paul Twomey referiuse na entrevisa ás recentes declaracións da comisaria europea Viviane Reding, considerando as súas palabras como unha “postura persoal”, e non cre necesario o “G12” na gobernanza de Internet do que falara Reding.

Twomey sostén ademais que se deberá permitir a finalización do contrato entre os Estados Unidos e a ICANN, organismo preparado para valerse por si mesmo.

O presidente da ICANN, que ten a intención de deixar o seu cargo este ano, sinalou o 1º cuarto do ano 2010 como posible data para a admisión de dominios de 1º nivel noutros alfabetos, un tema de grande interese para asiáticos, árabes, gregos, rusos,etc.
 
Ao ser preguntando polos novos dominios que poderemos ver online, Twomey declarou que son os propios posibles solicitantes os que deben facer isto público, pero deu algúns exemplos, como os dominios para as cidades de Berlín, París e Londres, e tamén o dominio galego.
 
Neste sentido, o australiano aclarou que regularán o proceso de creación de novos dominios de xeito que non se produza o caos. Así, haberá unha serie de requisitos para presentar as solicitudes, e tamén se poderán presentar obxecións por temas de propiedade intelectual ou tamén de moralidade e orde pública, para que non haxa dominios polémicos. Non obstante, no tocante a estes temas, “aínda se está a levar a cabo un debate na comunidade, e pasaremos por varias roldas de debate antes da posta en marcha do proceso”, asegurou Twomey.
 

O actual presidente e CEO da ICANN tamén falou doutras cuestións vencelladas a este organismo, como a gobernanza da rede, as relacións con Verisign, a crise económica e os dominios en caracteres non latinos, entre outros. Podes ler a entrevista completa en inglés no San Francisco Chronicle.

© Asociación Puntogal