Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

Preocupación en Europa pola compra masiva de dominios .eu

22/09/2006
Esta semana oíronse queixas no Parlamento Europeo motivadas pola xestión dos dominios .eu. Desde abril deste ano, cando se abriu a posibilidade de rexistralos, son máis de 2 millóns os enderezos dados de alta con este sufixo. A rapidez e a cantidade de rexistros fixeron saltar en Europa as sospeitas de compras con intencións especulativas, un fenómeno coñecido como ‘cybersquatting’.
No ciberespazo hai, aproximadamente, uns 50 millóns de enderezos rematados en .com. Comparando os datos, e tendo en conta a antigüidade do domino máis difundido, resulta aínda máis chamativa a cantidade de dominios .eu rexistrados. De feito, nuns poucos meses o .eu conseguiu ser o sétimo dominio máis rexistrado no mundo. E tan salientábeis son os datos que no Parlamento Europeo criticouse a Eurid, a entidade xestora dos .eu, por non controlar o suficiente os rexistros, e solicitouse que se poida limitar a cantidade de dominios rexistrados en caso de haber sospeitas de que se vaia comerciar con eles. Varios deputados sinalaron, ademais, que son moi poucas as empresas que concentran a maior parte dos .eu, acusación ante a que estas non calaron. IPMarketing.info, unha das empresas que concentran dominios con este sufixo, fixo público un comunicado no que declara que “non somos ladróns de dominios” e que non rexistraron para vender. Eurid defendeuse alegando que non hai ningunha norma que limite o número de dominios rexistrábeis. 

A preocupación dos parlamentarios reside en que coa actual situación os dominios .eu perderon a súa principal función, xa que a idea de crealos plantexouse para darlle difusión a Europa na rede e para contribuír a construír unha identidade europea, algo que non é posíbel con centos de miles de dominios bloqueados en poucas mans. Sen embargo, como declarou IPMarketing.info, todo o mundo está en igualdade de condicións para rexistrar os dominios que queira. Desde Eurid sinalan, ademais, que non saben como se pode previr a compra de dominios destinados a seren comercializados.

© Asociación Puntogal