Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

PuntoGal estará na décima edición do Xuventude Galiza Net

02/04/2009
A Asociación PuntoGal contará cun expositor no encontro informático Xuventude Galiza Net, que comeza mañá no Multiusos Fontes do Sar de Santiago.
A décima edición do Xuventude Galiza Net, organizado pola  Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, acollerá desde  este venres  ata o domingo a máis de 1.800 mozos e mozas que poderán compartir experiencias informáticas e ampliar coñecementos. Ademais, o encontro permitirá pór en contacto á mocidade galega coas empresas tecnolóxicas punteiras de toda Galicia, co obxectivo de integralos no mundo laboral. Entre as actividades programadas haberá conferencias relativas ao software libre, proxectos 3D, robots móbiles e outros temas relacionados coas novas tecnoloxías, ademais de concursos diversos. 
A Asociación PuntoGal participará neste encontro cun expositor situado na “Extranet” do evento, un espazo aberto na entrada superior do Multiusos do Sar, que será zona de libre acceso e de balde para todas as persoas sen necesidade de estaren inscritos. Neste espazo levaranse a cabo diversas actividades, tamén para os máis cativos e para a 3ª idade, ademais de concursos, obradoiros de animación e astronomía e conferencias.
 
PuntoGal repartirá entre os asistentes información sobre a iniciativa para conseguir un dominio para a cultura e lingua galega en Internet e levará a cabo unha campaña de recollida de apoios. Todos aqueles que deixen a súa sinatura a prol do dominio recibirán material promocional do PuntoGal.
 
Novidades no décimo aniversario da edición

 Este ano, o Xuventude Galiza Net celebrará o 1º Concurso Internacional de Robótica coa colaboración da organización IEEE , e o encontro  contará coa visita de HispaLUG (Grupo Español de Usuarios de LEGO), que presentará as novidades da marca, exporá creacións realizadas por aficionados de LEGO e habilitará áreas de xogo para os máis cativos.

© Asociación Puntogal