Asociación Puntogal

Asociación Puntogal

Novas

Unha delegación de PuntoGal participa na reunión internacional da ICANN en México

27/02/2009
Unha delegación da Asociación PuntoGal participará en México D.F. na 34ª edición do encontro internacional da ICANN, no que se abordarán distintos aspectos sobre o funcionamento do sistema de nomes de dominio en Internet.

Entre o 1 e o 6 de marzo as máis de mil persoas inscritas na convención analizarán en detalle cuestións como o funcionamento interno da organización e a normativa aplicable as candidaturas. Terán especial importancia os debates en torno á solicitude de novos dominios xenéricos de primeiro nivel, a transición ao Ipv6 e estratexias de marketing para novos dominios.

Os membros da ICANN (Internet Corporation for Assigned Names and Numbers) explicarán en detalle a estructura do novo borrador da guía para os solicitantes de novos dominios, que describe os pasos que se deberán seguir á hora da presentación de solicitudes. A proposta non é definitiva, senón que se trata do segundo borrador do documento, que estará aberto a comentario público. Durante a reunión explicaranse as principais diferenzas e avances en relación ao primeiro borrador, presentado en outubro de 2008. Os membros da Asociación PuntoGal participarán activamente nesta sesión de traballo aportando a súa opinión, que se terá en conta á hora de redactar a guía definitiva.

Segundo esta guía poderán solicitar un dominio xenérico todas aquelas organizacións que demostren rigurosamente a súa capacidade organizacional, técnica, operativa e financieira para levar a cabo a operación de rexistro, garantindo sempre a seguridade, estabilidade e interoperabilidade global de Internet.

Durante a reunión, os representantes de PuntoGal manterán distintos encontros e entregarán información aos asistentes sobre a proposta dun dominio para a cultura e a lingua galega na rede, destacando o labor cultural dos galegos en México. Reuniranse e intercambiarán opinións cos membros doutras candidaturas lingüísticas e culturais e entrevistaranse con Karla Valente, directora do Programa de Novos dominios e outros membros da ICANN. Aproveitando a ocasión, tamén se reunirán con membros do Centro Galego de México D.F. e coa directiva da Unión Mexicana de Empresarios Galegos (UMEGAL) para presentarlles persoalmente a iniciativa do PuntoGal.

© Asociación Puntogal